Erguer encara a súa IV Asemblea Nacional deste sábado

Unha das Asembleas NAcionais de Erguer. (Foto: Erguer).
A organización estudantil chega a esta Asemblea Nacional após tres anos da última por causa da pandemia da Covid-19

A organización estudantil Erguer. Estudantes da Galiza vivirá este sábado 5 de novembro a súa IV Asemblea Nacional, baixo o lema 'O ensino é a base da sociedade do futuro' no centro social O Gorgullón de Pontevedra.

A organización estudantil chega a esta Asemblea Nacional após tres anos da última, cun periodo "marcado pola crise da Covid-19, a docencia telemática, a aparición da primeira universidade privada e unha fonda crise social e económica", segundo indican desde a organización a través dun comunicado.

"Constancia militante"

"Neste difícil contexto, fomos quen de manter a constancia militante. Cunhas dinámicas de traballo axeitadas e realizando traballo de base, desde as aulas até as rúas, situándonos como a organización estudantil de referencia para millares de estudantes galegas, ao longo do país", declarou Paulo Alonso, actual responsábel de organización de Erguer. Estudantes da Galiza.

Segundo apuntan desde Erguer, a IV Asemblea Nacional debe servir para "continuar e intensificar" a presenza organizada nos centros de ensino, e que este traballo sirva para "reaccionar dun modo máis contundente, áxil e eficaz ante as problemáticas do estudantado".

Autoorganización

"Sabemos que este é un camiño lento e constante. Sabemos tamén que é único posíbel para artellar unha ferramenta sólida para o estudantado, lonxe de fórmulas espontáneas ou concebidas a centos de quilómetros da nosa realidade. Só mediante a autoorganización do estudantado galego, poderemos deter a ofensiva que enfronta o ensino público galego", aseverou Alonso.

A organización estudantil chama á participación do estudantado nesta xornada de formación e debate, na cal se definirá a súa liña de acción na loita por un ensino público, popular e galego. Ademais de renovar o seu Consello Nacional para o vindeiro período.