Erguer convoca paros de dúas horas o 8-M para participar nas mobilizacións

Mobilización feminista en Compostela o 8 de marzo de 2022. (Foto: Arxina)
"É fundamental que as estudantes saiamos á rúa para defender un ensino feminista e non patriarcal, que non siga perpetuando sistematicamente as violencias machistas", defende Marina Coego.

A organización estudantil Erguer vén de convocar un paro de dúas horas para o próximo 8 de marzo, Día Internacional da Muller, co obxectivo de "posibilitar que as estudantes se mobilicen por un ensino feminista e non patriarcal".

Segundo traslada a organización nun comunicado, este paro decorrerá entre as 11 e as 13 horas en todos os centros de ensino do país. Esta convocatoria, que coincide coas mobilizacións previstas pola CIG para o 8-M, enmárcase dentro da súa campaña 'Construíndo feminismo aula a aula'.

"É fundamental que as estudantes saiamos á rúa para defender un ensino feminista e non patriarcal, que non siga perpetuando sistematicamente as violencias machistas", precisa Marina Coego, membro do Consello Nacional de Erguer.

O colectivo incide na súa defensa "dun modelo de ensino diferente, que aposte por romper cos roles de xénero estabelecidos". "Desde Erguer temos claro que a loita comeza nas aulas pero culmina nas rúas", engade Coego.

Da aula á rúa

A campaña de Erguer presentouse a mediados de febreiro e busca "dar visibilidade" aos problemas que "diariamente sofren as estudantes como consecuencia do patriarcado nos centros de ensino".

"As mulleres estamos invisibilizadas e discriminadas no ensino de maneira sistémica, desde o borrado de nomes ao longo da historia até a actualidade onde vemos como seguen existindo barreiras para acceder a determinadas carreiras ou para ascender academicamente” sinalou daquela Marina Coego.