Erguer ocupa a futura sede da universidade de Abanca en Vigo "contra modelo privado de ensino"

Estudantes durante a ocupación simbólica da Escola de Negocios Afundación de Vigo. (Foto: Nós Diario).
O sindicato estudantil trasladoulle ao director do Ieside a súa oposición ao proxecto de universidade privada e chamou a mobilizarse este sábado en Compostela en defensa da universidade pública.

A organización estudantil Erguer, estudantes da Galiza vén ocupou de forma simbólica esta mañá o Instituto de Formación Superior Intercontinental da Empresa (Ieside) de Vigo, sede na cidade olívica da futura Universidade Intercontinental da Empresa, institución privada promovida por Abanca.

De feito, esta acción enmarcase dentro da campaña contra o proxecto de lei presentado polo Partido Popular, que permitirá á entidade bancaria a creación dunha universidade privada na Galiza.

Ocupación

As estudantes tomaron o edificio e dirixíronse ao director do centro para entregarlle unha carta na que o sindicato estudantil comparte a posición da organización, en contra do que representa o modelo privado de ensino, "contrario aos intereses das maiorías sociais", indicou o dirixente Paulo Alonso.

A misiva dirixida ao director xerente de Afundación e secretario xeral do IESIDE, Pedro Otero Espinar, Erguer lembra que a maioría absoluta do Partido popular facilitou a aprobación do proxecto de lei que permite a creación da primeira universidade privada financiada por Abanca no noso país, unha universidade "que non nace para resolver unha demanda social ao teren os tres campus galegos unha ampla oferta formativa; senón para competir contra o actual servizo público".

No seu escrito, o sindicato estudantil acusa o PP de querer "facer negocio cos dereitos básicos das estudantes", en favor dos intereses "da elite social máis favorecida".

Precariedade

"A universidade pública atópase nunha situación de precariedade, intensificada pola falta de financiamento por parte da Xunta de Galiza, a escasa oferta de bolsas de estudo, a prohibición do aumento das prazas nos grados", resume Erguer.

Á precariedade, di, ven sumarse agora a competencia desleal dunha universidade privada que vai supor "a fuxida do capital privado que agora chega ás universidades públicas mediante acordos de colaboración directamente coa privada".

A aparición da primeira universidade privada da Galiza traerá outros riscos: a redución da oferta pública mediante a eliminación por parte da Xunta dos graos con menor demanda e mesmo de campus universitarios, "polo que o alumnado non poderá acceder á universidade pública cuns prezos razoábeis".

Lucro

"A aprobación desta lei levará á implantación na Galiza dun modelo educativo elitista, antipedagóxico, antidemocrático, antiestudantil e antigalego ao ir en contra da propia lei do sistema universitario galego; ademais de xerar unha competitividade que as estudantes teremos que sufrir a curto e longo prazo, primando no mercado laboral a posición económica fronte os méritos e capacidades do estudantado", conclúe Erguer, quen chama á mobilización estudantil e social en contra do proxecto de Abanca.

Este sábdo, 12 de xuño, a Plataforma en Defensa da Universidade Pública, da que é parte Erguer, manifestarase a partir do mediodía en Compostela.