Erguer convoca greve estudantil o 13 de abril

Iria Figueroa e Laura Gil [Imaxe Erguer]

A organización chama a "defender" o ensino público contra a LOMCE e o decreto 3+2.

Erguer, a organización estudantil nada da confluencia de Comités, Liga e Agir, convoca unha xornada de greve no ensino o 13 de abril. En comparecencia de imprensa, dúas das integrantes do Consello Nacional, Iria Figueroa e Laura Gil debullaron as razóns para esta covocatoria que fixan no rexeitamento aos "ataques" contra o ensino público que, defenden, acometeu nos últimos anos o Partido Popular. 

Chaman a rexeitar a LOMCE e o decreto 3+2 nun intre no que a incertidume paira sobre o futuro goberno do Estado español

Nun intre no que a incertidume paira sobre o futuro goberno no Estado español, a organización estudantil soberanista, insta a amosar o rexeitamento do alumnado a dous elementos centrais que marcaron a conflitividade nos centros de ensino durante os pasados cursos académicos e exixir a súa derogación: a LOMCE e o decreto 3+2. 

Neste senso, aseguran que "o ensino avanzou na dirección oposta" ao modelo educativo que defenden desde Erguer ao se dirixir cara á "mercantilización" através dunha lexislación, como a LOMCE, "españolizadora,confesional, antipedagóxica, privatizadora, clasista e patriarcal que afonda na falla de igualdade de oportunidades no ensino" e o decreto 3+2 "enmarcado na chamada Estratexia Universitaria 2020" e cuxo obxectivo é, denuncian, "a mercantilización do ensino público, co obxectivo de converter as universidades nun criadeiro para as empresas capitalistas". 

Denuncian a "mercantilización" do ensino

"Coa implantación desta medida, son menosprezados todos aqueles graos que non cumpren coas expectativas de produtividade dun sistema que só busca a creación de man de obra barata, no canto de individuos con capacidade crítica. No senso da procura de produtividade, son as humanidades as disciplinas que son directamente atacadas, direccionando a educación cara aos intereses das grandes corporacións e gobernos corruptos", sinalaron Iria Figueroa e Laura Gil en comparecencia de imprensa.