PATRICIA MARINHO, CONCELLEIRA DO BNG DE SALVATERRA

"Era un protesto pacífico, non entendemos por que reaccionou así"

Patricia Marinho

A edil nacionalista afirma que denunciará a actuación policial nos xulgados de Monção. VÍDEO NO INTERIOR. 

 

Patricia Marinho sae da sesión plenaria en Salvaterra para atender a chamada de Sermos Galiza. Após ser identificada de agredida por un axente da policía portuguesa en Monção, Marinho afirma que presentará unha denuncia no país veciño polo que coida unha actuación "desproporcionada". Magoada e cun parte de lesións que acredita os golpes recibidos, esta concelleira do BNG de Salvaterra e integrante do Consello Nacional da organización frontista, explica as razóns da súa "protesta pacífica" fronte ao vice-presidente da Xunta.  

Como estás física e animicamente?
Teño contusións que me van saíndo e dor xeralizada, sobre todo de cabeza. Mais após facérenme placas descartaron esguince. O que di o parte é que teño unha contusión nun dedo --que me pisou o axente da guardinha-- sontusión no cóbado esquerdo e unha contractura cervical. No momento sentín moito nerviosismo e durante a agresión só pensaba que se lle fora a pinza, quería que parase e que non me golpease nos ollos ou na boca. Na propia escuadra policial recoñeceron que se pasara. 

Como aconteceu?
Fomos convidados como integrantes da corporación municipal de Salvaterra. Decidimos acudir coa intención de despregar unha faixa perante o vice-presidente da Xunta para denunciar a situación do Plisán. Cando despregamos a faixa o guardinha abalanzouse sobre nós. Cando saímos da explanada recrimineille a súa actitude e pregunteille por que actuara así. Pediume que me identificase. Tiroume ao chan e inmobilizoume poñéndome un pé enriba. Tiroume contra un carro. Era o xefe do dispositivo de seguridade. Era un protesto pacífico, non entendemos por que reaccionou así. Agora mesmo agardamos que nos chegue algún tipo de sanción. 
 


Pensas denunciar?
Teño un parte de lesións. Presentarei unha denuncia nos xulgados de Monção pola actuación totalmente desproporcionada do guardinha. Hai moitas testemuñas e mesmo vídeos. 

"Plisán é un banco de entullos, é un parque ermo. Están a xogar co traballo da xente. Queriamos dicirlle a Rueda que non somos imbéciles"

Que acontece no Plisán?
Queriamos denunciar o uso propagandístico do PP con Plisán cando se achega calquera convocatoria electoral. Sempre alardeando de que 'agora si, agora si que imos levar adiante o polígono industrial'. Nas anteriores [eleccións] municipais mesmo chegaron a recoller currículos para unha empresa que nen sequera está instalada. Mais Plisán é un banco de entullos, é un parque ermo. Están a xogar co traballo da xente. Neste senso, aproveitamos a presenza de Alfonso Rueda para que dese a cara e dicirlle que non somos imbéciles. Que queremos que expliquen por que non van chegar os 5 mil empregos prometidos hai 12 anos. 

E a reacción da corporación de Salvaterra?
O PP nen me preguntou como estou. Desde o PSOE introduciron no pleno un rogo para que se explicase o acontecido após enterárense pola imprensa. No PP dixeron que a idea era abalanzármonos sobre Rueda, que podiamos levar paus e pedras... Patético. Queren xutificar a desproporción da actuación policial. 

Tamén che fixeron chegar mostras de apoio...
Moitos veciños de Salvaterra através do voceiro municipal fixéronme amosaron a súa solidariedade e apoio. Tamén xente de Portugal e mesmo a imprensa portuguesa se interesou.