"Como era Pontevedra antes de ENCE parece ciencia ficción"

[Imaxe Galiza Contrainfo]

Galiza Contrainfo está a presentar polo país unha repor-documental sobre as consecuencias da pasteira en Lourizán e que suporía a súa permanencia sesenta anos máis após a prórroga.

ENCE non sempre estivo aí, na ría de Pontevedra. Aínda que poida semellar que si, a planta de celulosas instalouse nos anos sesenta e desde entón un movemento popular loita através da Asociación para a defensa da ría de Pontevedra pola súa saída. Neste senso, embora ter sido prometido o fin da pasteira cando rematase a súa licencia o certo é que o goberno español en funcións concedeu unha prórroga de 60 anos máis á empresa. 

O obxectivo, salientan, é "que se coñeza" o traballo desenvolvido ao longo destes anos mais tamén "como era Pontevedra antes de Ence"

Arredor deste feito desde o colectivo Galiza Contrainfo decidiron realizar un "repor-documental, unha peza máis longa da que facemos habitualmente", explica en conversa con Sermos Galiza, Zélia García. O obxectivo de Ence, 60 anos máis? salientan, é "que se coñeza" o traballo desenvolvido ao longo destes anos mais tamén "como era Pontevedra antes de Ence". Semella, din, "ciencia ficción". 

Para narrar todo o acontecido Galiza Contrainfo botou man de seis voces que analizan a situación de Ence e as súas consecuencias desde distintas perspectivas. Ás de integrantes da APDR súmanse as de Fernando Filgueira (alergólogo), Miguel Cuña (sindicalista), veciñanza de Lourizán, unha mariscadora ou Leonor González Prieto, máis coñecida como Nené, a primeira presidenta da asociación.

Con elas Galiza Contrainfo tece e destece o que significou para a ría e a súa poboación a chegada da pasteira; as repercusións sociais, económicas mais tamén para a saúde das persoas embora non poderen certificarse cientificamente após teren sido queimados os arquivos dos hospitais de Pontevedra e Montecelo o que impide facer comparativas "entre a situación de antes e a de agora antes de 2004". 

Amplificar a voz, tecer loitas

"Queriamos que se vise" alén de Pontevedra que "si que hai resposta ás cousas que acontecen", di Zélia García, en boa medida porque ao longo de tantos anos desde a APDR "fixeron que mudara a percepción social" que existe da factoría. 

Si que hai resposta ás cousas que acontecen

Neste senso, queren "amplificar a voz desa loita" levando por todo o país a súa reportaxe. A presentación tivo lugar, como non podía ser doutro xeito, en Pontevedra o 19 de xullo e após un cheo absoluto encamíñanse xa cara Ferrol (5 de agosto na Fundaçom Artábria), Marín (23 de agosto), Ourense e Vigo, aínda que faltan por confirmar datas, horas e lugares. 

Con posteridade, en setembro, pendurarán na rede a reportaxe íntegra mais, aproveitando o verán, din, "queriamos saír do mundo virtual, recuperar o contacto coa xente".