Un equipo investigador da USC identifica un marcador que podería predicir o avance do cancro de mama

O equipo investigador da USC (Foto: USC).
O estudo foi publicado na revista Molecular and Cellular proteomics e nel descríbese por primeira vez que os glóbulos vermellos de pacientes con cancro de mama son diferentes aos de persoas sen a doenza.

"O estudo dos glóbulos vermellos de pacientes con cancro de mama pode predicir o avance da enfermidade”, así o afirma nun estudo a investigadora do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) Clotide Costa, integrado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC).

O estudo foi publicado na revista Molecular and Cellular proteomics e nel descríbese por primeira vez que os glóbulos vermellos de pacientes con cancro de mama son diferentes aos de persoas sen a doenza.

O equipo da doutora Costa, no laboratorio da unidade Mixta Roche-CHUS, identificou unha proteína cuxos niveis son máis elevados nas persoas con cancro de mama avanzado ou metastásico.

Isto pode sentar as bases para saber se a enfermidade está a avanzar, estudando os glóbulos vermellos que se obteñen nunha análise de sangue convencional. Recentemente coñeceuse que os glóbulos vermellos, aos que tradicionalmente se relacionou unicamente como transportadores de osíxeno, teñen outras funcións adicionais como células reguladoras na circulación.

A investigación

Así, analizáronse mostras de sangue de pacientes con cancro de mama en distintos estadios e doantes sen enfermidade, recollidas no Hospital Clínico de Santiago de Compostela (CHUS)

Estudouse a composición de proteínas dos glóbulos vermellos mediante técnicas de proteómica, o que permitiu identificar un potencial biomarcador de diagnóstico de enfermidade metastásica. 

Os resultados deste traballo, protexidos por unha patente, poderían ter unha importante aplicación clínica, xa que a metástase é a principal causa de morte por cancro e é de vital importancia detectala canto antes.