Equiparación do persoal docente temporal das universidades galegas á hora de cobrar os complementos de investigación e docente

Facultade de Filosofíada USC

A  CIG informa que a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galiza (ACSUG) vén de admitir parcialmente o recurso presentado en xaneiro á convocatoria que regula a avaliación previa para o cobro de complementos autonómicos polo labor docente e investigador por parte do persoal docente e de investigación (PDI) que traballa a tempo completo nas tres universidades galegas.

 

A aceptación parcial da demanda da CIG-Ensino suporá, afirma a central maioritaria no sector, que o persoal que cumpra os requisitos fixados no Decreto 55/2004 que regula os complementos autonómicos, agás o da fixeza e estabilidade na praza que foi anulado tras o recurso do sindicato, poida pasar a percibir case 1.000 euros máis ao ano no caso do complemento docente e ao redor de 900 euros máis no de investigación. Até o de agora a ACSUG limitaba ao persoal funcionario e contratado doutor con carácter fixo e estábel o acceso ás convocatorias para a avaliación previa á asignación das retribucións adicionais relativas aos complementos autonómicos de recoñecemento de labor docente e investigador. 

 

Para a CIG-Ensino estamos diante dun feito que debe supor un antes e un despois na actual discriminación retributiva entre o persoal con emprego fixo e temporal nas tres universidades galegas.

 

A estimación do recurso obriga a ACSUG a abrir un novo prazo para que poidan presentar a documentación pertinente as persoas con contrato temporal inicialmente excluídas.