Denuncia dos sindicatos

Epidemia bacteriolóxica no Álvaro Cunqueiro de Vigo pola falta de limpeza

[Imaxe: Galipedia] Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo

CIG, CGT e CCOO denuncian a existencia de máis dun cento de persoas ailladas a causa dun brote de Klebsiella no complexo vigués

CIG, CGT e CCOO alertan da existencia dunha epidemia da bacteria Klebsiella no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, andazo provocado, afirman, pola falta de limpeza no complexo hospitalario. As centrais denuncian que máis 100 persoas atópanse isoladas a causa dun brote que pon en grave risco a saúde de traballadores, usuarios e pacientes.

Lembran que se trata dunha bacteria que afecta a persoas que padecen infeccións previas e que adoita causar neumonías.

Dende as tres centrais entenden que se trata dun feito moi grave . Segundo denuncian, a presenza da bacteria obrigou a illar máis dun cento de persoas dende o mes de abril, que foi cando máis casos de contaxio se contabilizaron (arredor de 130 nesas datas e uns 110 na actualidade). Lembran que se trata dunha bacteria que afecta a persoas que padecen infeccións previas e que adoita causar neumonías.

Ao mesmo tempo, sosteñen que a aparición da bacteria está relacionada cos problemas existentes no servizo de limpeza a causa da falta de persoal e da redución do orzamento do servizo, extremos que xa motivaron protestas. “A única resposta ás nosas reclamacións foi cambiar a contrata, pero no seu día xa advertimos de que o prezo do concurso non daba para garantir a prestación do servizo; de feito, atopámonos con que segue a falta persoal, hai zonas que non se limpan e incúmprense os protocolos de prevención”, indican. Reclaman unha actuación inmediata por parte dos responsábeis do Sergas e da empresa concesionaria do Álvaro Cunqueiro para evitar que esta epidemia se convirta nun problema de saúde pública “xa que non só afecta ao persoal do centro, senón que está a afectar tamén a usuarios/as, pacientes e familiares”.

Incumprimento dos protocolos

Aseguran que o Sergas e a concesionaria está a incumprir estes protocolos xa que non se están a limpar dúas veces os cuartos das persoas contaxiadas, ao que hai que sumar a falta de formación dos novos traballadores adscritos ao servizo de limpeza. “Tampouco se controla aos familiares dos pacientes, co conseguinte risco de que a epidemia se estenda”.

En canto á falta de persoal, lembran que no antigo hospital Xeral cada traballador limpaba unhas 15 habitacións, mentres que no Cunqueiro están a limpar até 24.

A Xunta négao

O Sergas nega que haxa unha epidemia mais admie que si hai doenets isolados,mais precisa que é unha medida que é unha precaución habitual en todos os hospitais e que, no caso do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) de Vigo, a maior parte dos ingresados illados estano polas condicións clínicas e non pola bacteria

Tamén afirma que a presenza da bacteria 'klebsiella' é común nos centros hospitalarios,e no caso do HAC,é "similar á de calquera outro hospital" da contorna.