O epicentro da morte pola COVID-19 na Galiza

A residencia de DomusVI de San Lázaro, Santiago, unha das máis afectadas.
O risco non baixa nos centros de maiores. Mentres o Goberno galego e os principais operadores privados do sector das residencias esfórzanse en trasladar unha imaxe de normalidade, os datos de mortalidade e de contaxios desmontan o relato oficial. Os xeriátricos continúan a ser a zona cero do coronavirus na Galiza.

Asistimos nos últimos días a un aumento das taxas de contaxio e de mortalidade nas residencias galegas. Segundo os datos fornecidos pola Xunta da Galiza, na quinta feira producíronse 16 mortes asociadas aos centros da terceira idade. Así, sete dos falecementos aconteceron nos hospitais ou nas residencias integradas impulsadas polo Goberno galego e nove nos propios xeriátricos. 

O director xeral de Maiores, Ildefonso de la Campa, afirmou onte que o "inevitábel aumentou" de mortes ten a ver coa "fraxilidade" deste sector poboacional, un argumento que non partilla Paulino Campos, portavoz do colectivo de familiares da residencia de DomusVi do Barreiro, en Vigo, quen, en declaracións a este diario, considera que "a morte de maiores nas residencias sen ser trasladados aos centros hospitalarios é unha mostra da neglixencia das responsábeis dos xeriátricos”.

DomusVi concentra arredor de 25% das prazas de residencias da Galiza e suma preto de 50% dos falecementos

“Vai haber movementos de suba e baixa de casos, que é o normal neste tipo de situacións, pero desta alza dos últimos días non podemos concluír que estamos diante dunha nova tendencia”, afirma a Nós Diario o médico epidemiólogo e voceiro do Movemento Galego en Defensa das Pensións Públicas (Modepen), Francisco Vizoso. Na xornada de onte, a Consellaría de Sanidade afirmaba que “non se produciran falecementos nas últimas 24 horas” nas residencias da Galiza pero que tres persoas mortas por coronovirus nos hospitais estaban asociadas a estes centros.

229 mortes nas residencias por coronavirus

As residencias galegas xa suman 229 mortes. As cifras achegadas polo Goberno galego ofrecen dúbidas ás voceiras das asociacións de familiares de usuarias e do movemento das pensionistas. Vizoso pon de manifesto que “a taxa da letalidade na opinión da maioría dos expertos é maior que a recollida nas cifras oficiais”. Sexa como for, os datos achegados pola Xunta sinalan 113 falecidas en hospitais e residencias integradas asociadas a centros de maiores e 116 mortes nos propios xeriátricos. Para unha mortalidade por coronavirus na Galiza de 502 persoas, as finadas nas residencias representan 45,15% do total.

Os xeriátricos de xestión privada concentran a práctica totalidade das mortes por coronavirus. Se ben a Xunta da Galiza só asigna a residencias concretas as mortes producidas nos propios centros, excluíndo desta contabilidade aqueles falecementos acontecidos nos hospitais ou nos centros residenciais, a día de hoxe as persoas mortas por coronavirus nos centros de maiores de xestión pública son catro. Modepen, nun estudo con datos referidos a 19 de abril apunta que “a probabilidade de morrer pola COVID-19 nas residencias de xestión privada é 5,73 veces maior que nas públicas e a posibilidade de infección é 2,58 veces superior”.

“A Xunta da Galiza é o primeiro responsábel desta catástrofe”, sinala Paulino Campos

Desde que comezou a pandemia, segundo a Xunta, morreron 22 maiores no centro DomusVi San Lázaro, en Compostela, 20 na residencia Nosa Señora da Esperanza en Ourense, 19 na DomusVi de Aldán en Cangas, 11 na DomusVi do Barreiro en Vigo, 8 na Portádego da Coruña, 7 na Remanso Claudina-Somoza na Coruña, 5 na Moledo en Vigo e 4 na DomusVi de Matogrande na Coruña. Ao tempo, téñense producido falecementos nos centros de maiores de Bellolar da Coruña, de Santa Teresa de Jornet na Coruña, DomusVi Concepción Arenal da Coruña, de Caser en Culleredo, de Castro Caldelas, de Crecente, de Bande, de Foz, das Fragas de Pontedeume, do Barco, de San Xosé de Ourense e da Fundación José Otero de Compostela.

Dúbidas sobre os datos

“A Xunta oculta mortes nas residencias”, asegura Campos, moi crítico coa forma na que o Goberno galego ofrece as cifras de persoas falecidas, ao presentar por separado as acontecidas nos propios centros e nos hospitais. Destaca que as residencias do “Barreiro e de Aldán presentan unhas cifras aterradoras, con 24 mortes cada unha, só superadas por outra DomusVi, a de San Lázaro, con cifras escandalosas e ocultas, que roldan as 40 falecidas e 74 positivas, e Nosa Señora da Esperanza da Fundación San Rosendo, que vai camiño dos 30 mortos e dos 102 positivos”.

DomusVi concentra arredor de 25% das prazas de residencias da Galiza pero suma preto de 50% dos falecementos por coronavirus nos centros de maiores. Segundo Campos, tras esta realidade atópase “neglixencia e malas prácticas derivadas, a maior parte delas, da falla de persoal, de trampear e trucar a normativa de rateos coa clara conivencia dos servizos de Inspección da Xunta e do departamento de Política Social”. Nun sentido semellante, apunta a “irresponsabilidade coa que as direccións de DomusVi actuaron nas súas respectivas residencias nos días previos á chegada do coronavirus á Galiza”.

O portavoz das asociacións de familiares de residentes considera a Xunta como “primeiro responsábel desta catástrofe”. "De ter atuado con rigor e de maneira profesional, tería evitado as dúas terceiras partes das mortes”. “O drama continúa en case todos os DomusVi porque se segue actuando da mesma forma, favorecidos polo ocultismo macabro que propaga a Administración na recollida de datos de falecidas e positivas”, conclúe Campos. Unha situación semellante vívese nalgún centro de maiores da Fundación San Rosendo.