Inclusión social a través do téxtil no EPA de Ourense

Un momento do acto

O Centro de Educación de Adultos EPA de Ourense vén de celebrar o pasado 1 de xuño un acto poético a xeito de clausura do Proxecto Europeo “Patrimonio Téxtil: dos Antigos Teares á Arte Dixital”.

O acto tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel e consistiu nun encontro poético que buscaba dar remate a este proxecto. Contouse coa participación da poeta galega Dores Tembrás. Alumnos e ex-alumnos do centro, procedentes de distintos países e implicados dentro do proxecto coa educación para a paz, leron fragmentos  d'O pequeno príncipe, de Antoine de Saint-Exupéry. Esta obra serviu de ponto de partida para a creación dun clube de lectura cos alumnos dos diferentes centros participantes.

 

Dirixido polo profesor Alfredo Juan Conde Mariñas e presidido pola Xefa Territorial de Educación, Mª Luz Fernández Quintas, no acto contouse tamén coa asistencia do inspector do instituto Marcos Fernández Álvare

z e os demais membros do equipo internacional.


O proxecto “Patrimonio Téxtil: dos Antigos Teares á Arte Dixital” enmárcase dentro dos proxectos do Programa Erasmus +, financiado polos fondos europeos. A proposta foi solicitada polo Centro de Educación de Adultos EPA de Ourense, mais nela tamén participaron outros seis centros de Italia, Grecia, Reino Unido, Bulgaria e Letonia, sendo o centro galego o coordinador. 

 

Jacqueline Agrelo, coordinadora do proxecto, explica que se buscou estudar a historia téxtil en cada país e que se buscou que cada centro tratase os aspectos máis próximos á súa natureza. Así, por exemplo, mentres que o centro italiano se centrou máis na moda e nas artes gráficas, o centro ourensán, ao non tratarse dun centro especializado en educación téxtil, decidiu enfocar o proxecto centrándoo noutros aspectos. 

 

Deste xeito, a EPA de Ourense levou a cabo esta proposta facendo xirar todo ao redor da inclusión por medio das actividades manuais e artística

s, a transmisión de valores, a apreciación das artes e as tradicións a través da historia e o valor do patrimonio lingüístico ligado á actividade téxtil.

 

Un aspecto especialmente positivo que salienta Jacqueline Agrelo da experiencia é a organización de diversos obradoiros, que, nas súas palabras, “abriron a cidade ao centro e o centro á cidade”. 

 

O obxectivo final de “Patrimonio Téxtil: dos Antigos Teares á Arte Dixital” e deste tipo de proxectos é presentar as achegas e servir de inspiración. Dende o grupo coordinador, teñen en mente continuar con esta iniciativa a través da páxina web creada pese a que o proxecto xa rematou e non desbotan a posibilidade de repetir a experiencia nun futuro próximo. 

 

Non foi, porén, a primeira vez que este centro participaba nun proxecto deste estilo. Dende o comité organizador explican que é un xeito de chegar aos colectivos máis desfavorecidos e en risco de exclusión a través do intercambio cultural e da realización de actividades e obradoiros. 

 

O programa Erasmus + oferta diferentes posibilidades para o ámbito educativo e oferece oportunidades para a cooperación, a innovación e o intercambio de boas prácticas nos ámbitos da educación, a formación, a xuventude e o deporte.