"Eólica así non!": Convocan unha manifestación o 5 de xuño en Compostela

A rolda de prensa decorreu na sexta feira en Compostela (Imaxe: Europa Press).

Unha manifestación percorrerá as rúas de Compostela o próximo 5 de xuño con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente  para esixir a paralización inmediata dos proxectos eólicos que se atopan en tramitación.

A mobilización foi convocada baixo o lema 'Eólica así non!' por máis de 20 colectivos e plataformas ecoloxistas, veciñais, sociais, culturais e sindicais da Galiza e partirá ás 12 horas do 5 de xuño da Alameda compostelá. Posteriormente, percorrerá a cidade até a praza do Obradoiro, onde se lerá un manifesto e onde se gardará un minuto de silencio simbólico polos territorios que "foron destruídos" ou se "ven ameazados pola ocupación eólica".

Os colectivos convocantes pedirán a moratoria das novas instalacións e a derrogación do Plan sectorial eólico, así como das leis de fomento da implantación de iniciativas empresariais e de simplificación administrativa, ao considerar que representan un "atropelo" contra a participación pública e a preservación do medio, o patrimonio e a paisaxe.

Denuncian que o modo no que a Xunta "concibe e permite a implantación eólica" baséase na "desregulamentación legal", o "abuso das empresas enerxéticas ás poboacións afectadas", a "destrución de patrimonio público e colectivo" e "intereses de carácter privado e especulativo".

Intervencións

Nunha rolda de prensa decorrida na mañá da sexta feira en Compostela, a portavoz de Rede Galega por un Rural Vivo, Jessica Rei, indicou que o manifesto que se lerá tras a marcha está aberto á adhesión de colectivos e plataformas, mentres que os particulares poden manifestar o seu apoio ao participar na mobilización.

Rei incidiu en que a Galiza representa un dos territorios do Estado español con maior presenza de parques eólicos e criticou que a distancia esixida respecto dos aeroxeradores "sexa a mesma" a pesar de que o seu tamaño pasou de situarse en 70 metros a alcanzar os 200. Tamén lamentou que a normativa correspondente sexa "obsoleta" e advertiu de que a instalación dos parques proxectados suporá "acabar coa Galiza rural", polo que demandou que a transición enerxética que leve a cabo sexa "xusta".

Neste sentido, o portavoz da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), Roi Cuba, afirmou que a execución destes proxectos implicará unha afectación á flora, á fauna e aos recursos naturais da Galiza, que "non se poderán recuperar". Chamou a unha mobilización "masiva" para pedir unha moratoria ao novo modelo eólico co obxectivo de que "se estude ben" o seu impacto no territorio.

Ademais, Manuel Da Cal, da Federación Rural Galega (Fruga), criticou que "menos do 1% dos beneficios" sexan percibidos polos propietarios dos terreos, fronte ao "99% que reciben as multinacionais" e tachou de "espolio" dos recursos os proxectos expostos.

Nesta liña, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, sinalou que a produción enerxética da Galiza supera o seu consumo, pero que a subministración é "unha das máis caras do Estado". Afirmou que o próximo 5 de xuño dará comezo "unha resposta" da cidadanía a esta situación.

Así mesmo, o representante de Rede de Patrimonio Cultural Santiago Llecha alertou de que a instalación dos parques eólicos proxectados afectará a "un abundante patrimonio que permanece invisibilizado", como hórreos e muíños, e poderá supor a perda dunha "parte da Historia propia".