Enxeñarías e Ciencias da Saúde dominan o 'ranking' de empregabilidade da 1º promoción "maioritaria" dos graos

Dúas traballadoras len un informe nun laboratorio (Europa Press).

A Xunta e a ACSUG crean un índice de inserción para catalogar os títulos de "maior atractivo laboral", mais con datos de 2013-2014.

A oferta do sistema universitario de Galiza (SUG), clasificada polo seu "atractivo laboral" e o seu rendemento á hora de facilitar un emprego. A Xunta, a través da Axencia para a Calidade do SUG (Acsug), creou un 'ranking' no que clasifica un total de 123 graos do tres institucións académicas mediante un índice de inserción laboral, que de momento se basea en datos recompilados a través de enquisas aos graduados e graduadas do período 2013-2014.

O obxectivo deste 'ranking' de graos é o de ofrecer información ás familias e aos estudantes á hora de escoller o seu futuro académico, segundo explicou en rolda de prensa o secretario xeral de Universidades, Xosé Alberto Díez de Castro, aínda que tamén servirá de base para "a toma de decisións", a corrección da propia oferta de prazas e dos títulos.

A pesar diso, a listaxe representa unha foto fixa e un momento académico concreto, o da primeira promoción "maioritaria" de graduadas e graduados en graos adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior, polo que se trata do punto de partida para analizar as tendencias do catálogo de titulacións e está suxeito a correccións e melloras no futuro.

O feito de seleccionar os datos do estudo de inserción desa promoción concreta levou, de feito, a deixar fora algúns títulos, como Veterinaria e Farmacia ou Filoloxía Clásica, ben por falta de datos ou de titulados.

Esta circunstancia obsérvase xa nos primeiros postos da táboa, onde aparecen numerosos graos con escaso número de graduadas. O 'ranking' está encabezado, de feito, polos graos en 'Tecnoloxías Mariñas' e en 'Náutica e Transporte Marítimo', con catro graduadas cada un, e reflicte tamén outros títulos con tres, dous e ata un só titulado.

Díez de Castro insistiu, a pesar diso, en que este indicador permite obter algunhas conclusións xerais e corroboradas por outros estudos, como que as ramas de Enxeñarías e Ciencias da Saúde dominan os primeiros postos da listaxe. Así mesmo, estendeu esta tendencia tanto á variable do salario, o desempeño de tarefas relacionadas co seu estudo ou a relación do traballo coa titulación escollida, os outros tres factores utilizados para calcular o índice de inserción.

A outra cara deste indicador afecta á rama de Ciencias Sociais e Xuríricas, cuxo primeiro título no 'ranking' aparece no posto 22 (o grao en ADE da Universidade de Vigo no campus de Ourense). A listaxe péchano graos como Xeografía e Historia, Dirección e Xestión Pública (da UVigo) ou Humanidades do campus de Ferrol.

O secretario xeral de Universidades incidiu en que estas tendencias deben suscitar unha "reflexión" que xa existe no tres institucións académicas e citou recomendacións da propia Conferencia de Reitores das Universidades Españolas.