Envorca un globo aerostático: nel ían Román Rodríguez e Carmela López
O incidente na Feira de Educación, Formación e Emprego de Lugo saldouse sen danos persoais.
Un incidente, que se saldou sen danos persoais, alterou esta terza feira os actos previstos no Pazo de Feiras de Lugo, onde a cesta dun globo aerostático sufriu un envorcado mentres se preparaba un voo de exhibición. Dentro atopábanse o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, que resultaron ilesos.
O aparello, pertencente ao Exército do Aire, ía realizar unha demostración como feche da presentación da Feira de Educación, Formación e Emprego cando un refacho de vento desestabilizou a estrutura antes do despegue. O envorco produciuse de forma progresiva, o que evitou danos persoais entre os ocupantes.
Tras o incidente, a organización optou por cancelar o voo previsto por motivos de seguridade. O suceso quedou finalmente nun susto e non requiriu asistencia sanitaria para ningún dos presentes.
No acto atopábase numeroso público, así como varias autoridades, como foi o caso do delegado da Xunta, Javier Arias, que axudou a saír aos ocupantes da cesta tras o incidente.