Envorca á altura de Barbadás un camión cheo de polos cuxo condutor quedou atrapado

O camión accidentado en Barbadás, na A-52 (Foto: Garda Civil).
Foi unha persoa particular quen chamou ao 112 Galiza para solicitar axuda para o camioneiro. Indicaba que o vehículo cargado de aves envorcara e o condutor presentaba dificultades para saír do seu interior polos seus propios medios.

Bombeiros de San Cibrao excarceraron o condutor dun camión, cargado de polos, que quedara atrapado ao envorcar o seu vehículo na A-52, ao seu paso por Barbadás. O home foi liberado e resultou ferido leve, mentres que o sinistro obrigou a cortar a vía, aínda que a circulación, segundo a Garda Civil, normalizouse.

Segundo informou o 112, debido ao impacto, o camión perdeu combustíbel e provocou o corte da vía mentres os servizos de emerxencias desprazados ao momento traballaban para evacuar ao ferido e restabelecer as condicións de seguridade no vial. Xa foi aberto ao tráfico un carril de circulación.

O accidente produciuse na madrugada desta quinta feira, perto das 2.30 horas, na A-52, á altura do punto quilométrico 224.8.

Foi unha persoa particular quen chamou ao 112 Galiza para solicitar axuda para o camioneiro. Indicaba que o vehículo cargado de aves envorcara e o condutor presentaba dificultades para saír do seu interior polos seus propios medios.

Así, activouse un operativo no que interviñeron profesionais de Urxencias Sanitarias de Galiza-061, bombeiros de San Cibrao, membros do GES de Pereiro de Aguiar e tamén axentes da Garda Civil de Tráfico e efectivos do Servizo Municipal de Protección Civil.

Segundo a información facilitada ao 112 polos equipos de intervención que acudiron ao lugar, tras a liberación e evacuación do condutor -en principio está ferido leve, sufría dor nun brazo e nun ombreiro, pero foi trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHOU) en ambulancia-, un guindastre encargouse da retirada do vehículo.

O camión transportaba pitos vivos desde Xinzo de Limia a Pontevedra. Desde o 112 Galiza tamén se solicitou a colaboración do persoal encargado do mantemento da vía.

Retencións

A situación provocou retencións nas primeiras horas desta quinta feira En todo caso, a Garda Civil ratificou que o tráfico quedou normalizado co paso alterno facilitado polos axentes en moto.