Mar

Envían un barco a inspeccionar a zona onde afundiu o 'Pitanxo'... mais só para estudar os recursos pesqueiros

A portavoz das familias dos mariñeiros falecidos no naufraxio, María José de Pazo. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
As familias critican que o Goberno estatal non informase desta saída e piden que a expedición viaxe co robot ofrecido por unha empresa norueguesa para baixar ao pecio do 'Vila de Pitanxo'.

Investigadores galegos e portugueses partirán este domingo, día 5 de xuño, de Vigo rumbo a augas próximas ás costas canadenses para estudar os recursos pesqueiros de Terranova e Flemish Cap.

Así, persoal do Instituto Español de Oceanografía (IEO), do Instituto de Investigacións Mariñas e do Instituto Português do Mar e da Atmosfera embarcaranse con rumbo ao Gran Banco de Terranova para levar a cabo, durante os próximos tres meses, as campañas de investigación pesqueira denominadas Platuxa, Flemish Cap e Fletán 3L no buque oceanográfico Viconde de Eza, pertencente á secretaría xeral de Pesca.

En concreto, a primeira campaña, Platuxa, estará baixo a dirección do investigador José Luis do Río e realizarase entre o 5 de xuño e o 3 de xullo na División 3NO. Este ano cumpre a súa vixésimo sétima edición e pretende obter información biolóxica necesaria para avaliar o estado dos recursos pesqueiros de interese para a frota do Estado español, tales como bacallau, fletán negro ou camarón, entre outros.

A continuación desenvolverase Flemish Cap, na División 3M, desde o 4 de xullo até o 6 de agosto, baixo o mando de Raimundo Blanco. É a trixésimo quinta da serie de campañas de investigación pesqueira no banco, que se iniciaron en 1988.

Por último, a campaña Fletán Negro 3L, cuxa xefa será Esther Román, rematará esta serie de campañas co regreso do barco a Vigo o 2 de setembro. É a décimo séptima da serie, iniciada en 2003, e actuará na División 3L da área de regulación da NAFO.

Reacción das familias do Pitanxo

Ante a saída deste barco cara a Terranova, os familiares dos 21 falecidos no naufraxio do pesqueiro galego Vila de Pitanxo, que afundiu na mesma zona o pasado 15 de febreiro, mostraron a súa "decepción" ante a decisión do Goberno estatal de non aproveitar esta saída para enviar alí un robot que baixe ao pecio e grave a situación na que se atopa.

Así, a portavoz das familias, María José de Pazo, asegurou estar "moi decepcionada" tras decatarse desta nova misión do Viconde de Eza e criticou que o Executivo de Pedro Sánchez non informase desta saída ás familias.

Tamén lamentou que tampouco se trasladou "absolutamente nada" por parte do Goberno sobre o ofrecemento dunha empresa norueguesa dun robot e un sonar de varrido lateral "de forma gratuíta" para poder baixar ao barco.

"É totalmente inaceptábel", insistiu De Pazo, asegurando que hai buques do Estado que van a Terranova "desde hai décadas" e explicando a necesidade de baixar ao pecio este verán pola situación climatolóxica. "Estamos máis decepcionados que nunca", engadiu.

Esta mesma sexta feira trataron de porse en contacto co gabinete de Presidencia para pedir "explicacións" e que no buque se envíe o robot da devandita compañía de Noruega. Con todo, non recibiron resposta.