Remiten aos eurodeputados un informe sobre o proxecto mineiro de Corcoesto

O documento remitido por Salvemos Cabana incide en que o plan de explotación deseñado pola empresa canadiana “non é sostible nin ambiental nin socialmente debido ao método empregado para recuperar o ouro” 

Dende a plataforma Salvemos Cabana, entenden que se fai necesario informar que o proceso de hidrometalurxia empregado para recuperar o ouro leva consigo grandes riscos polas inmensas cantidades de auga e cianuro de sodio que é necesario empregar, e que ademáis o proxecto “permitirá un almacenamento máximo de ata 50 toneladas de cianuro no complexo“, o que pode supoñer unha ameaza “mesmo maior” ao tratarse dun produto industrial altamente velenoso.

Na propia Resolución do Parlamento Europeo do 5 de maio de 2010, sobre a Prohibición do uso de tecnoloxías mineiras a base de cianuro -indican-, este composto considérase como unha ameaza potencial para a saúde humana e o medio, e aínda que non se prohibe o seu uso, pídese aos estados membros “que non presten apoio, de forma directa ou indirecta, a ningún proxecto mineiro na UE no que se empreguen tecnoloxías mineiras a base de cianuro, nin avalen proxectos desas características en terceiros países“.

Por todo iso, consideran que “o proxecto mineiro de Corcoesto presenta unha incompatibilidade manifesta coa Directiva Marco da Auga, cuxo obxectivo é garantir a protección deste elemento e promover un uso racional e sostible que garanta a dispoñibilidade deste recurso a longo prazo”.