O entrudio de Manzaneda: tradición intacta nas alturas

[Imaxe: Cedida]

O entroido de Manzaneda reúne nas rúas das súas parroquias todas as xeracións de veciñanza do concello. Estas festas son as máis importantes para a vila, que pode presumir de resgardar a súa tradición practicamente intacta. “Aquí o entrudio víveno igual maiores e pequenos, todo o mundo gosta e mostra respecto polo fulión. Non hai orquestra nin concerto que o supere”, explica Daniel Domínguez, concelleiro de Turismo de Manzaneda e natural da Mourela Pra Cá, onde se realiza un dos tres fulións celebrados no concello.

No concello de Manzaneda celébranse até tres fulións procedentes das parroquias de San Martiño, Cesures e Mourela Pra Cá. Grazas ao illamento natural da zona, a tradición mantívose “pura”, “a diferenza dos lugares máis grandes, que actualmente están moi masificados”, sinala o concelleiro de Turismo, Daniel Domínguez. Para o edil, que leva vivindo a maxia do “entrudio” –como é coñecido na zona- desde neno, “é algo hipnótico, hai que vivilo e meterse dentro del”. “Como diría un amigo meu, mestre no Instituto de Trives, entras en trance”, conta entusiasmado.

 

“En Manzaneda, xuntámonos os dunha zona para visitar outro lugar co fulión, que basicamente é unha comitiva de xente tocando bombos e todo tipo de aparellos agrícolas. A mázcara, o noso personaxe típico, vai diante bailando ao ritmo da música”. Estes grupos de mázcaras estabelecen un percorrido dunhas parroquias a outras, bailando ao ritmo dos bombos, axadas, gadañas e cornas.

 

As mázcaras, que visten cun gran pucho ataviado con cintas e adornos de distintas cores, destacan tamén polas súas polainas brancas con puntillas e o característico mantón floreado, que leva pendurados lazos nos ombreiros. Xunto co seu cinto de chocallas e o bastón na man, as mázcaras de Manzaneda simbolizan a entrada da primavera e marcan a pauta do fulión, sempre coa axuda do toureiro. “Non é a figura da praza de touros, o noso toureiro agarra o touro dun corno, que colle cariñosamente toda persoa que non participa no fulión ou que non está disfrazada. Faino para metelos no ambiente e abrir paso entre a multitude”, subliña o concelleiro.

 

Estes fulións, que durante o entroido visitan cada aldea de Manzaneda, piden permiso antes de entrar nos lugares “como unha especie de ritual”, explica Daniel Domínguez. “Cando entras, vas bailando as mázcaras polos camiños e en todas as casas convidan a algo de bebida e de pinchar. É o convite que fai a xente e ofrecen o mellor que teñen na casa”. Aínda que tamén hai visitas pola tarde, estes fulións celébranse tradicionalmente durante a noite.

 

“Son as únicas máscaras de Galiza que bailan arredor do seu propio eixo”

 

Destacábel das mázcaras é tamén o seu baile. Segundo o edil, “son as únicas máscaras de Galiza que bailan arredor do seu propio eixo”.“Aquí temos un dito popular que di que se unha mázcara baila ben, debe facelo sobre a base dunha tega”, unha unidade de medida tradicional galega empregada para medir o gran.

 

O día máis importante desta celebración é o martes de entroido, cumio dos festexos e motivo de reunión de todos os fulións de Manzaneda. “Xuntámonos todos nunha comida popular con produtos típicos da zona: chourizo, carne ao caldeiro, bica... Chegamos a ser nove mil persoas”. Nesta “fuliada”, xúntase toda a veciñanza e fanse distintas representacións teatrais do acontecer nese ano, “sempre con humor, picardía e moita retranca”, explica o concelleiro. Ese día o fulión segue a andar até as doce da noite.

 

Este ano Manzaneda recuperará un personaxe perdido

 

Este ano o pobo tenta recuperar un personaxe perdido hai case vinte anos: “Era un boneco grande que se levaba dunha aldea a outra, acompañado duns versos meténdose coa xente do outro pobo. Podía haber varios: Os de Vilela levábanllo aos de Requeixo, que o atopaban dentro do campanario… Iso perdeuse e ímolo recuperar este ano”, afirma Daniel Domínguez, quen asegura o compromiso total do concello de Manzaneda coa súa tradición.

 

[Esta peza creouse para o A FONDO especial sobre o entroido publicado xunto ao Sermos Galiza 283, á venda na loxa e nos quiosques habituais]