O entroido de Salcedo, a rebeldía dun pobo

[Imaxe: Felipe Castro] O Oso de Salcedo

Non cabe dúbida que o entroido forma parte do noso patrimonio cultural, existindo múltiples manifestacións que así o testemuñan por toda a xeografía galega a través de moi diversos ritos e mascaradas.

Non cabe dúbida que o entroido forma parte do noso patrimonio cultural, existindo múltiples manifestacións que así o testemuñan por toda a xeografía galega a través de moi diversos ritos e mascaradas. É certo que boa parte destas manifestacións comparten orixes alleas á nosa cultura, situándoas en festas celebradas polos antigos imperios exipcio, grego e romano e doutras culturas europeas da antigüidade  que tiñan que ver, en grande medida, coa despedida do inverno ou, debido á influencia do cristianismo, coa antesala da coresma. 

 

Non é menos certo que existen outras manifestacións cuxa orixe difire da que, por dicilo dalgún xeito, se considera como a versión oficialista ou académica e que, ás veces, nos presentan como a única válida. Esta segunda ten que ver máis con cuestións e necesidades locais e propias da nosa cultura.

 

Para min, aínda que na actualidade todo está sometido á contaminación e influencia de factores alleos, o entroido de Salcedo ten máis que ver con este último prantexamento. Neste senso, quero defender o carácter popular do noso entroido. Quero destacar tamén o valor de rebeldía e autoprotección que lle confería a unha sociedade con grandes carencias de soberanía e liberdade, e revelar por riba doutras connotacións o interese engadido de outorgarlles a posibilidade de sentirse protagonistas e beneficiarios desta actividade.

 

Derivado do anteriormente dito, é importante transmitir o interese social que exercía sobre esta poboación, ao liberalos de ataduras, complexos e sufrimento acumulado ao longo de todo o ano para, deste xeito, proporcionarlles ledicia, ilusión e esperanza, aínda que só fora por uns poucos días. 

 

Sen dúbida, o entroido de Salcedo está cheo de tradición e de elementos representativos da nosa cultura rural e, a pesar das diferentes restricións históricas, permaneceu vivo e activo de maneira ininterrompida e dende tempo inmemorial. Isto foi posible grazas a que a colectividade de Salcedo tivo sempre moi asumido o seu papel participativo e a que sinten todos estes elementos como parte de si mesmos.

 

O entroido de Salcedo está cheo de tradición e de elementos representativos da nosa cultura rural

 

A variedade de mascaradas e actividades carnavalescas enriquecen notablemente o entroido salcedao, podendo dicir que ningunha é máis importante que calquera das outras, a pesares de que o máis emblemático e ancestral sexa o oso. Neste entroido, comparten espazo representacións de carácter moi diverso; dende a personaxe ritual do oso encargado de protexer o pobo e que, coa axuda dos criados, ven recoller o seu tributo a cambio de proporcionarlle, polo ano adiante, cousas necesarias para a súa subsistencia (boas colleitas, fertilidade para as mulleres, saúde, etc); pasando polas madamas e os danzantes, responsables de tomar, a través da mascarada,  a identidade do señorío e poder así ridiculizar a quen os tiñan sometidos o resto do ano; ou tamén os disfraces de campo, encargados de parodiar, a través de pequenas interpretacións mímicas escenificadas ao aire libre, calquera situación ocorrida no pobo ou representativa da vida no rural; finalmente, e grazas a estes disfraces de campo que foron o seu precursor, incorporouse máis recentemente (concretamente no ano 1957) o Teatro de Salcedo no que, xa nun espazo especialmente configurado para este fin e nun escenario tradicional, se representan obras teatrais de autores maiormente locais, representadas por actores non profesionais, tamén de Salcedo e do contorno, que escenifican de igual maneira e sempre en clave cómica, situacións e vivencias ocorridas ou previsibles, coas que nos identificamos.

 

Quixera rematar dicindo que estes entroidos están sometidos a diversos riscos que, se non atopamos solucións eficaces, poden rematar coa súa existencia. Estes riscos teñen diferente natureza; por unha parte está a influencia doutras manifestacións ou connotacións que poden afastar os caracteres culturais, que son a súa razón de ser; por outra parte está a masificación de xente asistente que, en moitos casos, contribúe a desvirtuar ese carácter; e finalmente está o maior dos males que afectan a estes entroidos, localizados normalmente en pequenas parroquias ou lugares que, por desgraza, esmorecen produto do envellecemento da súa poboación e do escaso arraigamento por motivos demográficos e produtivos. Neste senso, Salcedo non é unha excepción e, malia os esforzos dun oso probablemente cansado e desmotivado para conservar e protexer este lugar, sofre os males da globalización e da paulatina desaparición da nosa xente, mulleres e homes responsables dos logros e da existencia das estruturas sociais, territoriais e culturais que conforman esta parroquia. 

 

Non deixemos nunca de rebelarnos.

 

[Esta peza creouse para o A FONDO especial sobre o entroido publicado xunto ao Sermos Galiza 283, á venda na loxa e nos quiosques habituais]