O entroido chama ás portas de Viana do Bolo

[Imaxe: Turismo de Galicia]

“Para vivilo”. Así describe o alcalde, Secundino Fernández, o entroido de Viana do Bolo, que ano tras ano ten lugar seguindo o que marca a tradición. O único cambio que se produciu nos últimos tempos foi a súa promoción pública, pois o entroido actúa como elemento dinamizador e escaparate da vila.

Encetou a conta atrás para o comezo dun dos entroidos máis ancestrais da Galiza, o de Viana do Bolo. O alcalde da vila, Secundino Fernández, salienta, en declaracións a Sermos Galiza, o carácter popular e participativo dunha das citas máis esperadas do ano, “calquera que queira vir ao entroido de Viana do Bolo pode participar tocando o folión, acollemos todas e todos cos brazos abertos”.

 

O rexedor pon de manifesto que o concello apenas interfire nunha festa que é tradicional e que “levamos no sangue”. “Nos últimos anos, desde que o BNG entrou no Goberno, actuamos na promoción pública do entroido, tendo en conta que se trata dun importante elemento da dinamización económica de Viana do Bolo”, afirma, “a fin de contas, é un dos escaparates do concello”.

 

Programación

 

O entroido como tal comeza o día 1, o xoves de compadres, “ás 00h cólgase na Praza Maior o Lardeiro e durante a xornada do xoves ten lugar a comida de compadres e son as mulleres quen reciben a fariña, tal e como marca a tradición”.

 

Outro dos pratos fortes decorre o 8, o día de comadres. Ás 00h cólgase a Lardeira na Praza Maior e nesta ocasión son as mulleres quen tiran a fariña. Folións, comparsas e disfraces vestirán Viana do Bolo tanto o día 1 como o 8.

 

Os folións e a fariña repítense a sexta, o día 10, e o 11. O domingo é o día máis vistoso do entroido de Viana do Bolo, que chega a darlle abeiro a máis de mil persoas que desfilan entre as 11.30h até as 15h. “Congréganse folións de todo o concello e dos concellos limítrofes e ese mesmo día tamén ten lugar a 48ª edición da Festa da Androlla. Todos os folións xúntanse nunha carpa para xantar un menú en base a este produto”, afirma Secundino Fernández. A androlla non só estará dispoñíbel para os folións. Quen se achegue o “domingo gordo” a Viana do Bolo poderá degustala no xantar organizado no pavillón. As 1.400 entradas dispoñíbeis para a comida poranse a venda esta semana.

 

A festa non remata o domingo. A segunda feira é o día dedicado ás crianzas, que días previos desfilan cos centros de ensino. Na noite do 12 ten lugar o Folión Trapalleiro, en que bombos mudan por potas ou calquera elemento que emita ruído.

 

A terza, alén dos folións, é protagonista a noite, cando se sae en desfile até a Praza Maior para, a partir das 00h, queimar os lardeiros. “É un espectáculo sen igual, xa que tocan ao mesmo tempo 300 bombos mentres arden os lardeiros”, sinala o nacionalista.

 

Viana do Bolo pón fin ao entroido o Mércores de Cinza, cando ten lugar o enterro da sardiña.

 

O entroido non só se celebra no centro da vila. Nas aldeas tamén viven a súa propia festa, como destaca o alcalde, “van de visita dunhas aldeas a outras para se tocaren os folións uns aos outros”.

 

Así é como se celebra un dos entroidos máis ancestrais da Galiza. Un entroido “para vivilo”.