Rosa Crujeiras, reitora electa da USC: "Non podemos falar de excelencia académica se non somos quen de atender situacións de vulnerabilidade"
—A pasada cuarta feira converteuse na primeira muller reitora da USC en particular e da Galiza en xeral. É unha anomalía que tivésemos que agardar 500 anos?
Si, era unha débeda que tiñamos como universidade coas mulleres da nosa comunidade universitaria, con tantas mulleres que axudaron a facer universidade. É tamén unha conquista social, non só da universidade.
—Venceu nesta segunda volta con 61% dos votos após obter 40% dos apoios na primeira. Agardábao?
Non. A verdade é que estamos moi contentas, moi satisfeitas co apoio recibido, e quero salientar o apoio en todos os sectores –profesorado permanente, profesorado non permanente, estudantado e mais persoal técnico, de xestión e de administración e servizos– que xa se deu na primeira volta. Creo que a mensaxe sobre todo é esa, un apoio por parte de toda a comunidade universitaria.
—Cales serán as súas primeiras medidas como reitora?
Hai moitas primeiras medidas, pero quizais por onde temos que empezar e pór o foco é nas persoas, na comunidade universitaria. En canto ao estudantado, deu unha lección de participación, unha lección de xenerosidade, nestas eleccións.Pedímoslle un exercicio de xenerosidade porque elixen unha reitora para un período no que moitas e moitos deles non van seguir na universidade; elíxennos polos compañeiros que están por vir. Temos que pór o foco no social, pero non só en materia de vivenda. Non podemos falar de excelencia académica e de rendemento académico se non somos quen de atender situacións de risco, de vulnerabilidade, e necesidades que xorden e que expulsan do sistema universitario o estudantado. E con respecto ao persoal docente e investigador e ao personal técnico, de xestión e de administración e servizos, temos por diante o reto da remuda xeracional.
—Que rol debe xogar a universidade para a sociedade galega?
A universidade, e máis a USC, eu creo que é a institución máis relevante do país, polo que supón para a identidade e para a historia da Galiza. Temos que ser un motor de desenvolvemento económico e social. Nós formamos a cidadanía do presente e a cidadanía do futuro, pero tamén investigamos, transferimos coñecemento e cultura, promovemos e coidamos a lingua e mais o patrimonio. Temos que volver recuperar ese papel protagonista, e máis no contexto social no que vivimos, e facelo desde unha institución académica e desde o coñecemento.
—Durante a súa campaña situou o feminismo e a loita pola igualdade como un dos eixos do seu programa. Agora, como reitora, cales son as medidas que adoptará para avanzar no camiño da igualdade no ámbito universitario?
É pouco críbel que digamos que temos unha universidade feminista se non temos as normas actualizadas. Esta universidade neste momento ten un Plan de Igualdade que finalizou en decembro do 2024; toca actualizalo. Pero sabemos que as normas non son suficientes, hai que pór en marcha medidas de conciliación. Actualmente, contamos cunha normativa de conciliación que é de difícil aplicación, no caso do persoal docente e investigador no relativo ás aulas e no do persoal técnico e de xestión cos horarios. Temos que aprobar medidas para que a maternidade non sexa unha penalización nas nosas carreiras.
Tamén hai unha fenda salarial, que é cada vez máis importante a medida que se avanza na carreira investigadora porque moitas das nosas retribucións veñen por acumulación de méritos, por estar en cargos de responsabilidade, e aí as mulleres imos bastante por detrás. E esa primeira fenda prodúcese no período da maternidade. Temos que actuar aí, e despois hai cuestións máis xerais nas que actuar. As que chegamos a postos de responsabilidade somos mulleres, ante todo. Entón, prodúcense mecanismos sutís de expulsión, porque a túa condición de muller está por riba da túa condición de profesional. E é complicado xestionar iso.
—Afronta un mandato no que seguirá a ter un papel protagonista o conflito relativo á docencia de Medicina. Como valora o pacto asinado pola USC, a UVigo e a UDC coa Xunta da Galiza?
Xa comentei en moitas ocasións que me deu moita mágoa que o debate académico non fose máis profundo en todo este proceso.Ora ben, temos un convenio asinado, un convenio institucional que como universidade temos que cumprir e facer cumprir, pero con todas as garantías, tamén para o estudantado. É o principal punto onde temos que pór o foco. Imos ter estudantado da nosa universidade que vai recibir docencia deslocalizada, e temos que asegurar que todo o mundo está en igualdade de condicións. Vai ser un reto.
E despois hai outra cuestión: este acordo rematará en 2029, e a partir de aí calquera das outras universidades podería continuar adiante coa solicitude do título de Medicina. Temos que aproveitar este tempo para pensar, como Facultade de Medicina e Odontoloxía, de que forma podemos reforzar a nosa oferta formativa con todas as capacidades que temos.
—Debe manter a USC a única Facultade de Medicina do país?
Si.
—Falou xa cos outros reitores?
Aínda non deu tempo. Co reitor da Coruña si, porque foi profesor meu.
—Parabenizárona pola vitoria?
Iso si.
—Outro dos asuntos que marcará o mandato será a negociación do plan de financiamento do sistema universitario galego. Está a USC infrafinanciada?
Simplemente hai que ver as cifras. Os ingresos que recibimos polo plan de financiamento non son suficientes para cubrir o custo estrutural da nosa actividade, entendendo que non é só formación; tamén hai investigación e transferencia. De todos os xeitos, que teñamos un plan de financiamento plurianual é moi positivo para poder facer planificación no medio prazo.
—Que peticións trasladará á Xunta da Galiza en materia de financiamento?
O plan de financiamento está prorrogado neste momento e estamos pendentes das eleccións na Universidade de Vigo. O que faremos nestes primeiros meses será unha análise interna de realmente canto precisamos e para que o precisamos nos vindeiros anos. Eu quero traballar coa Xunta, por suposto, desde a máis absoluta lealdade institucional, defendendo os intereses da universidade que temos que liderar nos próximos anos.
Pero creo que temos que ser tamén moi transparentes coa sociedade, indicando o que pedimos para infraestruturas, o que pensamos a cometer, o que precisamos para poder levar a cabo, para poder continuar, ou mellorar, a nosa oferta formativa. Aí hai unha cuestión que está recollida na LOSU [Lei Orgánica 2/2023 do Sistema Universitario], que é chegar 1% do PIB en materia de financiamento universitario. Debemos reclamalo, tamén, con total transparencia.
—O orzamento actual da USC é de 328 millóns de euros. Canto considera que precisaría?
É complicado, porque deses 328 millóns de euros, na conta de 2024, que é a que podemos afinar, a Xunta da Galiza achegou 264 millóns de euros, pero durante ese ano a universidade ingresou 109 millóns de euros de fondos de investigación. Un terzo é o fondo que nós captamos a través de convocatorias, entón o orzamento da universidade non está exclusivamente financiado pola Xunta.
—Que medidas adoptará para potenciar o campus de Lugo?
Fixemos unha aposta forte na candidatura polo campus de Lugo, desde o coñecemento de que temos en Lugo grandísimas oportunidades. É un campus cunha especialización moi achegada ao terreo, ao medio rural e ao sector primario, polo que temos mimbres máis que suficientes para potencialo e facer que este campus sexa un referente, non só para a provincia de Lugo, senón para Galiza.
—Nese sentido de potenciar e de innovar na universidade en todos os seus campos, vostede abriu a porta a novas titulacións durante a campaña electoral. Cales considera que, a día de hoxe, precisa incorporar a USC?
É importante que fagamos unha reflexión sobre a oferta formativa que temos e a oferta formativa que podemos ter e que se pode precisar no futuro.Convidamos os centros a que comezasen con esa reflexión para pór en marcha titulacións. É un proceso lento que temos que comezar, e é un tema que non é tanto de titulación, senón de oferta de prazas; creo que nalgunhas temos que reclamar un aumento de prazas.
"Hai que garantir que o galego poida empregarse na docencia e na investigación"
Segundo os datos máis recentes, presentados en novembro de 2025, o uso da lingua galega non superaba, de media, 30% das horas lectivas na USC. En facultades como a de Medicina, a porcentaxe baixaba a 3%, mentres en Pedagoxía chegaba ao 96%. En materia lingüística, a reitora electa, Rosa Crujeiras, sinala a Nós Diario que "agora o que toca facer son medidas moi concretas e moi orientadas ás distintas situacións para coñecer por que en Ciencias da Saúde, nomeadamente na Facultade de Medicina e Odontoloxía, temos esta porcentaxe".
Crujeiras propón medidas de dinamización, "e aí temos unha axuda inestimábel do Consello da Cultura Galega, que publicou un informe con medidas concretas para a universidade, analizando o que se leva facendo estes anos en todo o sistema universitario galego", di, ademais de propor programas de acompañamento lingüístico: "Hai que dar a seguridade a todas as persoas que se incorporan [á universidade] de que poden, e deben, desenvolver a súa actividade de xestión docente e investigadora en galego".