Entrevista a Rafael Cuíña no Sermos190

O dirixente de Compromiso por Galicia e alcalde de Lalín debulla a actualidade política e toma posición sobre a forma de concorrencia da súa formación política nas eleccións galegas.

Na serie de entrevistas políticas que vén publicando o Sermos, esta semana é a quenda de Rafael Cuíña, dirixente de Compromiso por Galicia e o seu cargo institucional, alcalde de Lalín, máis relevante.

Alén de Cuíña, o semanario oferece tamén as opinións de Luz Darriba -arredor do debate da prohibición ou non da prostitución- e de Antón Losada -cunha peza sobre a terceira candidatación de Feijóo á presidencia da Xunta da Galiza.

O semanario tamén inclúe as sección habituais, cunha peza sobre Luís Porteiro da autoría de Manuel Roca no espazo dedicado ao centenario das Irmandades da Fala, e unha crítica teatral, desta volta o noso crítico Manuel Xestoso fará un repaso aos premios María Casares.

En Letras Miúdas, Mónica Pazos escrebe unha columna sobre o “Canta o Cuco” de Manuel María, en tanto que Felipe Senén, na súa sección Eira das Mouras, arredor do patrimonio galego, detén o seu ollar sobre o vencello que une A Coruña coa Coímbra romana.