Entrevista a Camilo Nogueira no Sermos191

Semanario en papel

Na serie de entrevistas políticas, o director de Sermos Galiza, Xosé Mexuto, conversa desta volta co flamante Premio Trasalba, o veterano político nacionalista Camilo Nogueira. É un dos contidos en destaque no número 191 do Sermos, esta quinta feira nos pontos de venda habituais e xa esta noite na nosa loxa.

Camilo Nogueira aborda na entrevista o debate en curso no nacionalismo galego e tamén expresa a súa visión da Galiza, do Estado e do proxecto da Unión Europea. O militante do BNG fala tamén da forma de concorrencia ás eleccións galegas e non dubida en facer unha caracterización do que significa Podemos como nova forza da esquerda española.

Alén da entrevista, o Sermos191 mergúllase nun asunto que atinxe de forma directa a comunidade escolar galega, a aplicación da LOMCE, suspendida polo Congreso dos Deputados, mais con capacidade de sobreviver ao actual impass político se finalmente naufraga a investidura e hai que convocar novas eleccións.

A situación dos falsos autónomos e a crise demográfica son outros dos temas que terán comprido tratamento na nova entrega dun Sermos191 que, no bloco Fóra de Serie, leva as seccións habituais de Uxío Breogán (historia da Galiza), Olga Brañas (música), Mario Regueira (literatura), Andrés Castro (cinema), Lola Dopico (moda e deseño) ou Iago Varela (tecnoloxías).