[VÍDEO] Entregan na Xunta as sinaturas de persoal da residencia Volta do Castro demandando máis persoal

Entrega de sinaturas este sábado. (Foto: Ansia)

Lembran que a residencia está a acoller ingresos de persoas con trastorno mental malia non ter un plan específico para estes usuarios.

Persoal da residencia pública de maiores Volta do Castro, en Compostela, entregaron na mañá deste sábado no rexistro da Xunta da Galiza máis de 70 sinaturas recollidas entre os traballadores e traballadoras do centro pedindo máis persoal e advertindo das consecuencias da “psiquiatrización” do centro.

Advirten que a residencia non dispón dun plan específico para os ingresos por trastorno mental malia que estes están a aumentar nos últimos anos. “As necesidades de atención destas persoas multiplican por cinco as das persoas maiores”, indican no escrito entregado por rexistro.

Hai pouco persoal, os medios fican escasos e non hai formación ou protocolos para afrontar os ingresos que desde hai uns anos supón a "psiquiatrización" das residencias de maiores: o ingreso en residencias para maiores de pacientes de menos de 65 anos con patoloxías psiquiátricas ou de adiccións.

Esta é a denuncia que persoal da residencia pública Volta do Castro, en Compostela, vén realizando desde hai meses neste centro depende da Consellaría de Política Social para denunciar unha situación que tamén afecta outros centros do departamento de Fabiola García e tamén residencias privadas concertadas coa Xunta da Galiza.

Coa situación actual, explicaba a Nós Diario Olalla Janeiro, médica en Volta do Castro, hai unhas semanas tanto traballadoras e traballadores das residencias públicas como as persoas usuarias están sendo prexudicadas. "Temos tres tipos diferentes de ingresos: xeriátricos [xente maior, a que habitualmente ingresaba nas residencias], psiquiátricos e por adiccións", sinala Janeiro.

"Son casuísticas diferentes, que precisan protocolos diferentes e non temos formación suficiente para atender adecuadamente os dous últimos grupos", denuncia. E isto acontece ante a "pasividade" da Xunta da Galiza.

"A resposta que está a dar a Consellaría a esta situación, que é moi complicada, que é unha ola a presión que algún día vai estoupar; é nula", afirmaba a este medio Xoán Carlos Ansia, representante do sindicato CIG no comité de empresa de Política Social da Coruña.