Entregan 1.300 sinaturas de persoal médico que se opón ao acordo de Sanidade con CESM

Iván Arazo entrega as sinaturas no rexistro da Consellaría de Sanidade, esta segunda feira. (Foto: Europa Press)

Os e as asinantes reclaman máis medidas de índole organizativa que reduzan a carga asistencial.

Un grupo de médicos especialistas e residentes, aos que se lles uniron tamén médicos de familia, entregou esta segunda feira no rexistro do Sergas, en Compostela, 1.300 sinaturas para expresar a súa oposición ao acordo alcanzado entre a Consellaría de Sanidade e CESM para pór fin á folga, reclamando que ás cuestións económicas se engadan tamén medidas de índole organizativa, para reducir así a elevada carga asistencial.

En representación do grupo, Iván Arazo, especialista en anestesioloxía no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo, explicou que, en primeiro lugar, os asinantes opóñense "ao modo" no que foi aprobado este acordo, de "maneira unilateral" e "sen contar con toda a información".

Ao mesmo tempo, e recoñecendo a importancia da parte económica, rexeitan que non se incluíron neste acordo "mecanismos para a saúde laboral", para facilitar o traballo dos facultativos e para mellorar a asistencia aos pacientes, "un dos principais motivos polos que se están perdendo tantos especialistas na Galiza".

Entre outras cuestións, esixen aplicar de maneira inmediata a xornada de 35 horas e que se "adecúen as axendas" para dimensionar adecuadamente o número de pacientes por facultativo. "Teño compañeiros de atención primaria que ven 55 pacientes por día. Iso é inviábel", dixo Iván Arazo.

Persoal en formación

Ademais, tamén exixen "mellorar a calidade da contratación dos médicos en formación". En concreto, cren que "a solución" non pasa por "obrigar a cumprir tres anos despois de acabar o MIR", se non por "promocionar unha contratación estábel" e engadir "medidas que acheguen interese" como a posibilidade de ter "un suplemento para formación".

Os asinantes manifestaron esta segunda feira a súa intención de constituírse como asociación para poder manter un contacto directo coa Consellaría e as súas propostas, e, aínda que a folga non está agora mesmo enriba da mesa, explicaron que non descartan chegar a unha se é necesario.