Entrar no entroido galego

[Imaxe: Cedida] Madamas e galáns en Cobres (Vilalba)

Pola candeloria metade do inverno vai fóra... rebentan as mimosas en ouros, o toxo mostra o alecrín, volven os nubeiros de paxaros, o oso sae do seu letargo... Os deuses pagáns, tradicionais ou inventados, cada cal coa súa historia, Meco, Momo, Urco, Ravachol... presiden a eira ou a praza... o instinto festivo céibase de xeito especial no sur do mítico río do esquecemento, tal como se lle chama ao Limia.

Vilas e aldeas ourensás raianas con Tras Os Montes souberon gardar memoria teórica e práctica dunha festa ancestral, que ten tanto tempo como o uso de razón social do ser humano, cando hai máis de cinco mil anos se decatou de que todo está en relación cun ciclo agrario: terra, sol, auga, aire... as catro estacións. Éntrase pois na primavera celebrando esta longa corentena festiva dando renda ao instinto básico. Tempo enmarcado na esencia de tres días: domingo, luns, martes e o necesario complemento do Mércores de Cinza, onde ao carón do profano está o sacro que nos vencella cos enigmas do máis alá: somos parte do humus ao que voltamos.

 

E Santo Entroido, festa pagá maior de Galiza, xa pouco ten que ver cos rituais de antano, máis rurais, agrarios, gandeiros... desfogadeiro con rituais de iniciación para as máis mozas e mozos. As máscaras, esencialmente masculinas, dende o amencer á medianoite alegraban as enlameiradas congostras, as eiras, as encrucilladas e o mesmo adro da igrexa parroquial: colorido no traxe, gorros, cintas, espelliños, panos de Cachemira ofrecidos polas mulleres... e ao cinto unha restra de tintineantes chocallos ou as máis lixeiras esquilas pastorís. Sons que convidan a saír da casa, símbolo para o tempo que pecha letargos e esperta, escampa e colle cor en flores que serán froito e novamente semente: o milagre da vida. Tempo no que nas serras o oso esperta do seu letargo invernal, gruñindo, fungando e peideando... bo agoiro sumado ao rechouchío dos bosques animados. O disfrace de peludo oso, con máscara negra de madeira ou coiro, era común nas terras galegas, Manzaneda, Laciana, Trevinca, Ancares, Courel... pero tamén noutras serras europeas.

 

As máscaras

 

A máscara e a súa vestimenta reúnen como estratos do tempo as oscilacións do gusto que vai deixando cada época. O entroido na Galiza non se enlarva para morrer por doses de anestesia, metarfoséase, búrlase de si mesmo, travístese e transfórmase na súa mesma esencia. Sabio exercicio de dar a volta ao revés. Unha máscara interesante é a dos boteiros das terras de Viana do Bolo e de Maceda, coas súas cirolas de cor, metidas nas botas ou polainas, a camisa, broslada e complementada con cintas frunxidas, lección de mestría costureira. Careta con amplo tocado: feita baleirando un toco de castiñeiro ou carballo, pintada de negro e remarcando boca, ollos e nariz, na testa cuns apéndices para meter agudas cornamentas de castrón, boi ou cervo, para rematar nun alto coroamento, a xeito de retablo, que permite a creatividade no ornamento floral... A solemnidade desta máscara compleméntase tendo como apoio un báculo que no remate ofrece pendurada unha cola de raposo, co que marca o paso, servindo para dar áxiles mañacús nos lamacentos terreos. Máscaras que fan lembrar traxes centro americanos, como os oaxaqueños da danza da Pluma; cabe aquí unha simbiose cultural entre aquela outra banda do alén mar con estes senlleiros núcleos do Padornelo e da Canda. Pois moitos misioneiros, aventureiros e traficantes desta banda partiron na loita pola vida, é o caso do franciscano Sebastián Aparicio, natural de Agudiña e misioneiro na mexicana Puebla, santo venerado polos descendentes dos maias como milmañas carpinteiro, sabio introdutor da roda no Novo Mundo. Suma a sensibilidade charra, charrúa, destas terras ourensás, zamoranas, salmantinas ou trasmontanas a que contribuíu á simbiose cultural entre Centroamérica e o antigo reino galaico.

 

O entroido na Galiza non se enlarva para morrer por doses de anestesia, metarfoséase, búrlase de si mesmo, travístese e transfórmase na súa mesma esencia

 

Peliqueiros e cigarróns do fidalgo e labrador val que administraban os Zúñiga, condes de Monterrei, poderosos señores en Salamanca, Cáceres, Úbeda... disfrace no que o investigador verinés Taboada Chivite atopa neles a caricaturización dos cobradores de impostos dos Condes de Monterrei... sumado a tradicións máis antigas que pasan polo cinto de ruidosas chocas, con modas barrocas e neoclásicas: chaleco con charreteiras, camisa branca e máis moderna garabata, tocado con gorro napoleónico no que hoxe, con técnicas e sensibilidade sacada da banda deseñada, pintan un animal feroz para infundir respecto a quen interfira o seu paso. Outro disfrace representativo do entroido do sur ourensán son as pantallas de Xinzo de Limia, vestidas desa abrigosa roupa interior de felpa: brancas cirolas, metidas en polainas negras, camisa tamén axustada branca e faixa vermella, ao xeito sanfermineiro, de herdos gremiais medievais; ao cinto sobre a que van as esquilas ao corpo, capa corta, negra, cuberta con cintas, na faciana a careta, antigamente de feitura en madeira e con gorro ao estilo frixo... Novamente nela atopamos semellanzas, herdos precolombinos, maias e incas. Máscaras que portan nas mans inchadas vexigas de porco, secas, as que baten con estrondo.

 

Do Carballiño a Vilaboa

 

Felos das terras do Carballiño, xenerais do Ulla coas súas vestimentas napoleónicas, a cabalo de enxaezados facos; os Volantes das abas das ribeiras sacras de Chantada, cos seus amplos e multicores traxes cubertos de cintas, con esquilas ao cinto, e na cabeza un culeiro cargado de monicreques... as madamas e galáns de San Martiño de Cobres (Vilaboa), no Morrazo; a recuperación dos demos gamainchiños de Betanzos, as sabas brancas de Viveiro... o entroido que resucita en terras das mariñas betanceiras de Samede... Cada máscara cos seus berros ou aturuxos, co seu xeito de danzar, co seu ritual estribillado, retranqueiras coplas, sermóns, apropósitos e cantinelas. Comparsas acompañadas por folións, parroquias enteiras nos que todos teñen unha misión: os máis novos baten até escoar as mans en sangue, bombos xigantes, ou metálicas serras; as mulleres baten con chaves as sachas e os legóns... cada parroquia co seu alporizante ritmo.

 

O entroido na Galiza non se enlarva para morrer por doses de anestesia, metarfoséase, búrlase de si mesmo, travístese e transfórmase na súa mesma esencia

 

Os choqueiros coruñeses da rúa da Torre resumen a improvisación anacrónica do disfrace: abrir arcas do pasado ou do maxín e disfrazarse co que se atopa. A Coruña, cidade que partindo das tradicións populares xerou un xeito de opereta ou zarzuela local, os apropósitos, con argumentación de base culta e participativos retrousos: Nito, Pibela, Canzobre quedaron na historia do pobo.

 

Galiza comeza a recoñecer a importancia da tradición como recurso cultural e turístico e, polo tanto económico, que dinamiza un tempo difícil.

 

[Esta peza creouse para o A FONDO especial sobre o entroido publicado xunto ao Sermos Galiza 283, á venda na loxa e nos quiosques habituais]