Entran en prisión dous dos condenados por violar reiteradamente unha nena de 11 anos en Baleira e deixala embarazada

Cárcere de Bonxe, en Outeiro de Rei (Foto: Google Maps).
Non entra en prisión, polo momento, o terceiro condenado por estes feitos, o irmán do cuñado da menor.

Dous dos tres condenados polos abusos sexuais a unha menor en Baleira entraron esta cuarta feira na prisión de Bonxe, en Outeiro de Rei, segundo confirmaron fontes próximas ao caso.

Foi, en concreto, o matrimonio conformado pola irmá maior da vítima e a súa parella para cumprir unha pena de tres anos de cárcere. Non o fixo, polo momento, o outro condenado por estes feitos, o irmán do cuñado da menor.

O seu ingreso no cárcere produciuse tras a sentenza xudicial da Audiencia de Lugo que chegou por un pacto entre os acusados e a Fiscalía despois de dilacións no proceso e dar por resarcida a vítima durante este tempo por unha indemnización de 50.000 euros.

Na sentenza, recóllese a redución de condena a tres anos de cárcere polo pacto entre o Ministerio Público e os acusados e alégase as "dilacións" non imputábeis aos procesados, así como o resarcimento á vítima.

Os feitos

Segundo se considerou probado, a irmá maior da vítima conseguiu convencer a menor das relacións sexuais, cando esta tiña sete ou oito anos, co irmán do seu marido.

A vítima foi violada, ademais, polo seu propio cuñado, que a deixou embarazada (xa estivo embarazada por primeira vez con 11 anos) dun bebé ao que deu a luz con 13 anos e que tivo que dar en adopción.

Este caso provocou un rexeitamento polo contido da resolución e tamén mobilizacións en solidariedade coa vítima e para reclamar, entre outras cuestións, un xulgado específico de violencia de xénero para que non se repitan situacións como o de Baleira, con condenas "inferiores" ao tempo en que os procesados abusaron da vítima.