Entra en vigor o novo rexistro de persoas viaxeiras con multas de até 30.000 euros aos infractores
Esta segunda feira, 2 de decembro, entra en vigor a aplicación do Real Decreto 933/2021 polo que se estabelecen as obrigas de rexistro documental e información das persoas físicas ou xurídicas que exercen actividades de hospedaxe e alugueiro de vehículos de motor e que contempla multas de até 30.000 euros para as incumpridoras.
Esta nova medida foi obxecto de constante crítica do sector de aloxamento e das axencias de viaxes, denunciando a elevada carga burocrática, a perda de competitividade e a posíbel vulneración de privacidade das persoas viaxeiras.
Con todo, o Ministerio de Interior asegura que no proceso de elaboración e aprobación do decreto respectou o principio de transparencia e eficiencia, ao contar coa participación dos destinatarios e quedar os obxectivos da regulación claramente definidos tanto no preámbulo da norma como na memoria, sen que se incluíran "cargas administrativas innecesarias ou accesorias".
Finalmente, as empresas afectadas veranse obrigadas a proporcionar os datos correspondentes na plataforma Ses.Hospedajes, que leva dispoñíbel desde 2022 e na que xa se rexistraron 61.540 estabelecementos hostaleiros, 1.994 axencias de viaxes, 222 plataformas dixitais, 1.720 empresas de alugueiro de vehículos de motor. Sumando todas estas empresas, rexistráronse un total de 4,77 millóns de datos de usuarios vinculados a estas empresas.
Máis seguridade
Desde o departamento que encabeza Fernando Grande-Marlaska fíxose fincapé na situación de seguridade actual, afirmando que os maiores ataques á cidadanía veñen protagonizados tanto pola actividade terrorista como polo crime organizado, nos dous supostos cun marcado carácter transnacional.
"En ambos os casos cobran especial relevancia no modus operandi dos delincuentes a loxística do aloxamento e a adquisición ou uso de vehículos de motor, cuxa contratación se realiza hoxe en día por infinidade de vías, incluída a telemática, que proporciona unha maior privacidade nesas transaccións", explicou ao respecto.
Por tanto, para Interior, a normativa actual queda "obsoleta" e "inservíbel" debido a que, por exemplo, a norma do rexistro en hospedaxe ten 65 anos de antigüidade (Decreto 1513/1959). Este feito supón deixar fóra do seu ámbito de aplicación as novas modalidades de actividades de hospedaxe, como son as vivendas turísticas de curta duración explotadas por empresas ou particulares mediante o rexistro en portais ou centrais de reserva a través de medios dixitais ou internet.
Neste sentido, esa totalidade de case 4,8 millóns de datos permitiu localizar 18.584 persoas que figuraban en bases de datos de sinalizacións nacionais ou internacionais, entrando en consonancia coa finalidade principal do decreto, que é mellorar a seguridade cidadá, declarou Interior.
Empresas afectadas
Segundo recolle a publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE), a obriga de rexistro documental recae nas persoas físicas ou xurídicas que exerzan, profesionalmente ou non, actividades de hospedaxe ou alugueiro de vehículos de motor sen condutor.
En primeiro lugar, as actividades de hospedaxe son as levadas a cabo, de modo profesional ou non, coa finalidade de proporcionar, a cambio dun prezo, contraprestación ou compensación, un cuarto ou espazo para a durmida ás persoas, con ou sen outros servizos de carácter complementario. Neste apartado inclúense hoteis, hostais, pensións, casas de hóspedes, estabelecementos de turismo rural ou análogos, cámpings e zonas de estacionamento de autocaravanas.
Os datos solicitados requiridos a empresas e persoas viaxeiras son os mesmos que até o de agora
Por outra parte, as actividades de alugueiro de vehículos de motor sen condutor son as realizadas co fin de facilitar a súa utilización por un terceiro, por un tempo determinado, e a cambio dunha compensación, contraprestación ou prezo certo. Queda excluído do disposto neste apartado o alugueiro dos vehículos autotaxis e, en xeral, o arrendamento de vehículos con condutor.
Ademais, a normativa contempla en ambas as dúas actividades os operadores turísticos que presten servizos de intermediación entre as empresas e os consumidores, e a actividade das plataformas dixitais dedicadas, a título oneroso ou gratuíto, á intermediación nestas actividades a través de internet, presten ou non o servizo subxacente obxecto de mediación, sempre que ofrezan servizos en España.
En relación á posibilidade dun aumento de custos para as empresas afectadas, Interior asegura que o novo rexistro non ten por que traducirse nesta posibilidade, descartando investimentos "considerábeis", xa que "os datos solicitados son os mesmos que até o de agora".
Datos obrigatorios
En canto á recollida de datos, Interior lembrou que as empresas non solicitarán máis dos que xa están a facer na actualidade. En particular, distínguense varias categorías para o rexistro. Por unha banda, as actividades de hospedaxe teñen que comunicar e rexistrar a seguinte información:
—Datos da empresa arrendadora: nome ou razón social do titular, CIF ou NIF, municipio, provincia, teléfono fixo e/o móbil, dirección de correo electrónico, web da empresa e url para identificar o anuncio.
—Datos do establecemento: tipo de establecemento, denominación, dirección completa, código postal, localidade e provincia.
—Datos dos viaxeiros: nome completo, sexo, número de documento de identidade, tipo de documento (DNI, pasaporte, TIE), nacionalidade, data de nacemento, lugar de residencia habitual (dirección completa, localidade e país), teléfono fixo e móbil, correo electrónico, número de viaxeiros e relación de parentesco entre os viaxeiros (no caso de que algún sexa menor de idade).
—Datos da transacción: contrato (número de referencia, data e firmas), datos de execución do contrato (data de e hora de entrada e data e hora de saída) e datos do pago (tipo, identificación do medio de pago como tipo de tarxeta e número, titular do medio de pago, data de caducidade da tarxeta e data de pago).
Ademais, para aloxamento non profesional varían algúns datos, incluíndo nome completo, sexo e DNI do titular do inmóbel, así como número de cuartos ou conexión a internet do estabelecemento. No caso do alugueiro de vehículos, os datos para achegar son parecidos aos de hospedaxe, aínda que engadindo a información correspondente do condutor principal e do segundo condutor (se procede).
Sancións: desde 100 a 30.000 euros
Por último, aínda que o Ministerio de Interior quixo deixar claro que esta normativa non ten "un fin recadatorio para encher as arcas do Estado", impoñeranse sancións leves e graves sobre as empresas que incumpran a normativa.
En concreto, considéranse infraccións leves as irregularidades ou deficiencias á hora de cubrir os rexistros previstos neste real decreto e a realización das comunicacións obrigatorias fóra do prazo estabelecido. O prezo da multa oscila entre os 100 e os 600 euros. As sancións graves inclúen a carencia dos rexistros documentais previstos neste real decreto e a omisión das comunicacións obrigatorias. O prezo da infracción irá desde os 601 aos 30.000 euros.