Xa en vigor o decreto darwinista que exclúe @s máis vulnerábeis do dereito á sanidade

Imaxe: flickr xornalcerto
SOS Sanidade Pública continúa coa campaña de información e concentracións de repulsa contra unha norma que chega acompañada dun catálogo de máis de 400 medicamentos de uso cotián que calquera paciente terá que pagar de maneira íntegra. Alén disto, o baremo fixado para @s pensionistas castiga especialmente a Galiza, coa poboación máis envellecida do Estado e coas pensións máis baixas

Co gallo da entrada en vigor esta segunda feira do Real Decreto que pon en xaque-mate a universalidade na atención sanitaria, a plataforma SOS Sanidade Pública anunciou a colocación de mesas informativas e a realización de concentracións de repulsa en varios puntos do país coa finalidade de recalcar cales son os efectos reais dunha norma que trae canda si o repagamento dos medicamentos, cun catálogo de máis de 400 que ficarán sen financiamento desde o mes de agosto, algúns tan coñecidos como o Almax --protector gástrico--, Fortasec --diarreia--, Duphalac --estrinximento--, Acuolens --bágoas artificiais--, Flumil --contra a mucosidade--, Camatel --antiinflamatorio--, Zovirax --pomada para herpes e quenturas labiais--, Romilar --xarope para a tose-- ou Hemorrane --contra as hemorroides. Non haberá ningún fármaco coas mesmas indicacións que pague o sistema público--.

SOS Sanidade Pública alerta de que o decreto "pretende a redución da carteira de servizos existentes, sen que saibamos cal é o alcance real da medida". O repagamento dos fármacos e dos tratamentos decorrerá do xeito que segue:

Pensionistas

  • 0 euros nas pensións non contributivas
  • 10% do custo total até un máximo de 8€ para pagas de menos de 18.000€
  • 10% do custo total até un máximo de 18€ para pagas de máis de 18.000€
  • 10% do custo total até un máximo de 60€ para pagas de máis de 100.000€


Traballador@s

  • Até 18.000 euros pagarán o 40%
  • Entre 18.000 e 100.000€ pagarán o 50% 
  • Máis de 100.000€ pagarán o 60%


Darwinismo político... e as mulleres no albo
Galiza conta con case 700.000 pensionistas, e coas pagas máis baixas do Estado. Son as viúvas as máis afectadas, ao cobraren as pensións contributivas máis baixas. O desemprego tamén lles afecta máis especialmente a elas. O prezo dos 426 fármacos incluídos no 'medicamentazo' que vén de levar adiante Ana Mato --Ministerio de Sanidad-- será aportado de maneira íntegra por calquera paciente. E fican exent@s do baremo anterior @s afectad@s por síndrome tóxica, as persoas con diversidade funcional --dependendo do grao de discapacidade--, quen reciba a renda de integración social, persoas en situación de desemprego que perderon o dereito a prestación e os tratamentos derivados dun accidente laboral.

Para alén de todo o sinalado até aquí, cabe destacar que esta volta de porca ao sistema sanitario afecta de xeito especial á saúde e aos dereitos das mulleres. Así, o primeiro dos colectivos que fican á marxe da atención sanitaria é aquel que abrangue persoas que non teñen regulada a súa situación. A meirande parte del@s traballan na economía somerxida, no emprego doméstico ou no coidado de persoas dependentes, e son mulleres. Os datos dun estudo feito entre xaneiro e marzo por Médicos do Mundo sinalaban como no Sergas se lles estaba a negar o acceso a tratamentos de profilaxe a mulleres en situación de prostitución e a nen@s e embarazadas cando, atendendo ao texto do decreto galego aprobado en setembro de 2011, contémplase a exixencia de 183 días de empadroamento para as persoas que queiran dispor de cartón sanitario, a excepción das mulleres embarazadas e d@s menores.

A exclusión do financiamento de fármacos que non precisan receita ou que non se usan para o tratamento dunha doenza concreta --ibuprofeno ou paracetamol-- fai pensar que o real decreto deixará tamén fóra a pílula do día despois ou os anticonceptivos orais. E a clasificación dos servizos sanitarios reserva a gratuidade para aqueles orientados á curación de enfermidades, á mellora da esperanza de vida, á diminución da dor ou a conquerir unha maior autonomía. Fican fóra tratamentos como os de fertilidade ou aqueloutros relacionados coa interrución voluntaria do embarazo.

Unha ampla reportaxe incluida no nº4 de Sermos Galiza repasa o panorama que lles espera a persoas diagnosticadas de trastorno do espectro autista, sida, esclerose, fibromialxia e aquelas que seguen un tratamento contra a dependencia das drogas. "Estou certo de que este recorte ideolóxico carrexará mortes", sinala un dos testemuños. "Os criterios económicos están a imporse sobre os criterios médicos", apunta outro. A nova norma supón para el@s, ao igual que para as persoas máis vulnerábeis, a materialización de ideas propias do darwinismo (político).