Entidades e particulares preparan "centos" de alegacións ao macrocomplexo de Mos

Acto cívico organizado pola plataforma Auga é Vida en contra do proxecto urbanístico nos montes de Tameiga (Auga é vida)
A plataforma Auga é Vida, que engloba as comunidades de traídas de auga e a comunidade montes de Tameiga (Mos) afectadas polo proxecto do "macrocentro comercial" previsto nesta zona, anticipou onte a presentación de "centos" de alegacións contra a aprobación definitiva da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOM) de Mos necesaria para a construción da cidade deportiva do Celta e o complexo de ocio e comercial previstos.

A entidade convoca para o vindeiro día 22 un acto para a presentación conxunta das alegacións contra un cambio de planeamento que, segundo denuncia, "pretende darlle encaixe á desfeita urbanística e ambiental nos montes de Tameiga", a través do cambio de natureza dos terreos, que actualmente teñen clasificación como rústicos de protección forestal, para permitir a edificación.

A plataforma salienta o rexeitamento que colleita o proxecto en entidades de todos os ámbitos, desde as catro comunidades de traídas de auga afectadas –Casal-Tameiga, Monte Baxiña, Petelos-Tameiga e Sanguiñeda–, a asociación veciñal Portela de Tameiga, entidades ecoloxistas –Greenpeace, Verdegaia, Adega e Ecoloxistas en Acción–, centrais sindicais e as forzas políticas locais, agás o PP. Auga é Vida anticipa tamén que ademais das alegacións que parten das comunidades afectadas e boa parte das organizacións e asociacións, ese día presentaranse "centos de alegacións individuais subscritas por veciñas e veciños de Mos". 

Os informes contra o "macrocomplexo" do Celta en Mos

O cambio na planificación urbanística foi aprobado de forma inicial o pasado mes de setembro polo Pleno de Mos co voto en contra de todas as formacións na oposición e o único apoio do PP, que ostenta a maioría absoluta.

Agora, a plataforma Auga é Vida remítese aos informes desfavorábeis que o proxecto recibiu por parte da Deputación de Pontevedra e da Demarcación de Estradas do Estado na Galiza para sustentar a posición contraria ao proxecto.
Tal e como advirte, a documento da Deputación sinala, entre outras cuestións, que a modificación prevista "non resolve o grave problema que se crea na continuidade do servizo público viario desta Deputación, motivado polo incremento substancial do tráfico que xerarán os novos usos previstos, sacrificando a adecuada continuidade do servizo público viario por mor de satisfacer uns novos usos de carácter privado". O informe indica tamén que "se carece das necesarias concrecións de titularidade dos viais alternativos, e da forma de obtención dos terreos, que actualmente ocupa o dominio público viario da Deputación que se prevé ocupar".

En canto ao informe da Demarcación de Estradas –un organismo do Ministerio de Fomento–, a conclusión desfavorábel, apunta a plataforma, derívase de "non terse proposto as medidas de acondicionamento necesarias para manter inalterado o nivel de servizo e de seguridade viaria, en atención ás afeccións que se orixinan á A-55". "Considérase insuficiente o estudo de tráfico realizado", continúa o documento, que especifica unha serie de deficiencias no expediente de cambio de planeamento.
A estes, a plataforma Auga é Vida engade outros informes que, sendo favorábeis –caso do de Aviación Civil, dirección xeral de Política Enerxética e Minas e dirección xeral de Telecomunicacións–, alertan da existencia de eivas no documento de modificación puntual. 

A alcaldesa de Mos defende que a maioría de informes son positivos

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, manifestou esta semana que o Concello conta con cinco informes sectoriais para seguir adiante coa tramitación do cambio do PXOM, dos que catro son positivos e unicamente un, o da Demarcación de Estradas, é desfávorábel. Arévalo non computou na súa comparecencia o da Deputación, do que  censurou que ten chegado antes á opinión pública que ao consistorio, o que cualificou como unha "falta de lealdade institucional".