Non superar as 15 mil hectáreas de monte queimado, obxectivo da Xunta

Cinco entidades marchan do Consello Forestal pola “imposibilidade” de participar no Pladiga

Denuncian manobras “entorpecedoras” de Medio Rural nun documento tan importante como o Plano de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais. A Xunta marca como obxectivo non superar as 15.000 hectáreas de monte queimado. 

En 2015 a Xunta presentou o Pladiga (Plano de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais) a 5 de xuño. En 2016 aprobouno a 30 de maio. En 2017, con previsións meteorolóxicas inquietantes e en alto risco por incendios desde hai semanas, leva o Pladiga ao Consello Forestal a 26 de xuño (a aprobación do plano fica pendente para o próximo consello da Xunta, a se realizar a quinta feira). Cinco entidades marcharon esta segunda feira, 26 de xuño, do Consello Forestal para denunciar as “manobras” de Medio Rural que boicotan e imposibilitan a súa participación nun plano tan importante como o Pladiga.

 

Amigos da Terra, Asociación Frouma, Federación Ecoloxista Galega (FEG), Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) e Sindicato Labrego Galego (SLG) son as organizacións que decidiron abandonar a xuntanza do Consello Forestal. Entre os argumentos está o de que até a pasada sexta feira pola tarde non se lles remitiu un documento, o Pladiga, de máis de 300 páxinas “e de grande complexidade técnica que debería ser consultado, debatido e traballado en conxunto dende comezos de ano”.

 

Critican, ademais, que o departamento que dirixe Ángeles Vázquez trae os temas ao Consello Forestal como feitos consumados, impedindo así “participar nun Pladiga que xa se vai aprobar no Consello da Xunta do xoves, con independencia do que digamos. Se a isto lle engadimos que o Pladiga 2017 entrará en vigor o 1 de xullo, data de comezo da temporada de alto risco de incendios, a participación dos colectivos do Consello Forestal faise imposible”.

 

As cinco entidades advirten que se Medio Rural non cambia de actitude elas mesmas constituirán “unha mesa de traballo sobre os incendios forestais a partir da propia sociedade civil e dos axentes do sector para traballar en alternativas ás políticas de loita contra o lume desastrosas que se están a impoñer dende os despachos de San Caetano e de costas aos colectivos e organizacións do sector”.

 

O documento de Medio Rural marca como obxectivo non superar as 15.000 hectáreas de monte queimado neste verán. Cómpre lembrar que no 2016 a superficie arrasada polos incendios forestais andou por volta das 20.000 Has. O Pladiga prevé un despregamento de 7.000 efectivos, 23 helicópteros, 5 avións e 360 motobombas. A isto engade un sistema de comunicación e tecnoloxía que permitirá por primeira vez que todo o operativo, tanto meios humanos como materiais, estea xeolocalizado.