Enterran a rúa para facer de Compostela 'un Xacobeo perpetuo'

Un momento da performance na Praza do Pan (SG)
O tecido social agrupado no colectivo A rúa é nosa! reivindica o uso e goce da vía pública para o pobo compostelán cunha Feira das actividades prohibidas da que fixeron parte desde o teatro até os xogos tradicionais. Aquí pode verse un traballo de GalizaContrainfo

Un bispo. Un policía. Un alcalde. Unha agrupación de choronas. Un espontáneo chegou en representación das persoas pensionistas afectadas polo decreto da Sanidade. E un cadaleito cunha rúa pública á que queren enterrar en vida. Todos estes elementos fixeron parte da performance que o centro social okupado Casa do Vento representou polo casco vello de Santiago cos colectivos sociais da cidade facendo as veces de cortexo fúnebre desde a Praza do Toural até a Praza do Pan, onde tres poderes que representaban o Goberno local, a policía española e a Igrexa quixeron enterrar a rúa, prometendo facer da capital da Galiza "un Xacobeo perpetuo" do que gozarán "os turistas con cartos".

A actividade foi a primeira da listaxe aprobada en asembleia polo tecido asociativo da cidade que se integra no colectivo A rúa é nosa!, que organizaron para esta cuarta unha Feira das actividades prohibidas. Con ela achegaron a curios@s e implicad@s os xogos populares, fixeron teatro e, da man d@s activistas da Rede Feminista Galega, adiantáronse á reivindicación do Día do Orgullo LGBT --que se conmemora esta quinta feira-- para visibilizar as 'Mulleres prohibidas', todas "as que fican agochadas na cotidianeidade, desde as migrantes até as viúvas, pasando polas lesbianas ou as sen teito", segundo nos contou unha das integrantes da Rede.

O que se procuraba con esta xornada lúdica era denunciar a ordenanza "da exclusión", en referencia á normativa que regula os usos da vía pública, e que foi aprobada no último pleno de maio do Concello de Santiago cos votos a favor do PP, a abstención do PSOE e a postura en contra do BNG. Queda agardar, como dixo a representación da rúa na performance da Casa do Vento, "que alguén volte e toque unha canción para min".