ESTA QUINTA FEIRA, ELECCIÓNS SINDICAIS NA EDUCACIÓN NON UNIVERSITARIA

O ensino vota após 4 anos de agresións

Esta quinta feira, 30.336 galeg@s están chamad@s a votar, das maiores citas coas urnas en Galiza fóra das que se realizan para elixir representantes políticos (Parlamento, concellos). 

 

Son as eleccións no ensino galego non universitario. Desde os anteriores comicios, en 2010, decorreron catro anos nos que este sector tivo que afrontar unha ofensiva brutal. Por iso as eleccións desta quinta feira 4 de decembro teñen unha importancia engadida, recoñecen todos os sindicatos. "Unha participación alta sería evidenciar máis unha vez o rexeitamento total á política educativa da Xunta", en palabras de Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, a forza maioritaria no sector.

Na mesma liña maniféstase Luz López, secretaria xeral de CCOO, segunda forza no ensino non universitario en Galiza: "A Consellaría de Educación vai mirar con lupa os resultados, principalmente a participación. Non votar nestas eleccións sería un erro", manifesta a Sermos Galiza. 

Advertencia da que non se tomou nota
A CIG foi a gran vencedora das eleccións sindicais de 2010, obtendo o 43,5% dos votos e o 42,5% d@s delegad@s . Atinxiron 62 representantes d@s 146 en disputa. O segundo posto foi, a distancia, para Comisións Obreiras, con 26. UXT obtivo 22, ANPE, 18; STEG, 14; e CSIF conseguiu 4. Coñecidos os resultados, o secretario nacional da CIG emprazaba a Consellaría de Educación a "tomar nota da gran reprobación que as urnas fixeron do seu modelo educativo". Preguntámoslle a Louzao se, efectivamente, Xesús Vázquez tomara nota: "Estes catro anos amosan claramente que non, que é un conselleiro totalmente sumiso a Madrid e ao modelo reaccionario, autoritario e españolizador que queren impoñer".

"Votarán 2.044 docentes menos que en 2010. "Máis unha evidencia do calado dos recortes", di Anxo Louzao (CIG)

Haberá cambios considerábeis do mapa sindical este 4 de decembro? As propias centrais prefiren centrarse na importancia da participación. Ou ben dos dados electorais que refliten os recortes sufridos: "Van votar 2.044 docentes menos. Polo que poderemos elixir só 140 delegad@s fronte @s 146 de 2010", lembra Anxo Louzao. O sindicato nacionalista (cuxa candidatura está integrada por 697 docentes) discrepa tamén do sistema de elección imposto. "Inxusto, discriminatorio e anti-democrático" cualifícano por fixar como unidade electoral a provincia mentres a referencia na concertada é o propio centro educativo. De ser así o sistema, @s representantes elect@s serían perto de 1.600.
      
Feridas abertas
Luz López considera que estes catro anos foron "pésimos, nefastos". Recoñece que lle custa atopar palabras para cualificar o proceso de demolición do ensino público que están a acometer os gobernos do Partido Popular. O Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (Steg) salienta a "gravidade do momento" e insiste en que o ataque ao ensino afectou a "toda a sociedade". 

Todos os sindicatos coinciden na necesidade dunha ampla participación. "Se non votas, votas polo conselleiro", afinrman

A listaxe de medidas e decisións que, por unha banda, desembocaron en recortes laborais e salariais aos e ás profesionais, e por outro, quixeron mermar ("derrubar" en palabras de Anxo Louzao) o ensino público galego, é ben ampla: da Lomce aos concertos con centros que segregan por xénero; das taxas de reposición ridículas ao decreto de comedores, o de especialidades ou ao mal chamado "de plurilingüismo".

Mais tamén é ampla, e meritoria, a listaxe de mobilizacións, respostas, iniciativas e proxectos impulsados contra esas políticas do Partido Popular. Anxo Louzao destaca, neste eido, tres puntos: as nove folgas no ensino que houbo nestes catro anos; o inmenso abano de actos con implicación da cidadanía na defensa do ensino ("por exemplo, as 4 ILPs") e o recurso á Xustiza para frear as agresións. "Hai máis de 17 sentenzas gañadas pola CIG-Ensino nestes catro anos", engade. 

Reverter a situación
Este 4 de decembro vai ser unha data na que as persoas representantes do profesorado non universitario saian reforzados para acometer os retos plantexados, É a valoración da cita coas urnas que fan os diferentes sindicatos consultados.  

"A CIG é a antítese da política educativa do Partido Popular. O inimigo número un para o conselleiro Xesús Vázquez é a CIG-Ensino", di Louzao. Os apoios que o seu sindicato obteña o 4 de decembro "van ser proporcionais ao rexeitamento ao que o PP fai no ensino galego, e iso a Xunta sábeo e teno moi clariño".

Non están en xogo só condicións profesionais e laborais, tamén o modelo educativo

A secretaria xeral de CCOO defende a capacidade de "negociación" do seu sindicato para acadar melloras -"e non sempre se negocia con quen a un lle gusta mais hai que facelo"-, combinando coa "mobilización". A STEG defende e aposta no modelo "asemblear" e "autónomo" como vía de traballo e, tamén, resposta.

Que ensino queremos?
Non se trata só de dicir non ao que nos quer impoñer o PP, "que claro hai que decilo", tamén hai que sinalar en positivo que tipo de ensino se quere. A educación pública e de calidade é o lugar común e partillado de todos os consultados. A GIG, a maiores, insiste en que o ensino dáse nun territorio concreto, Galiza, polo que o país debe ser un vector fulcral. 

Mais ese modelo de educación non  se pode construír sen o contributo, apoio e achega da sociedade. "Por iso nestes anos propiciamos e colaboramos no impulso de plataformas o máis unitarias posíbeis para facer fronte á situación á que nos queren abocar desde o goberno. Por exemplo, aí está a Plataforma galega en defensa do ensino público", indica Louzao. Quizás por iso, o 4 de decembro poden votar 30.336 docentes. Mais interesa a 2.747.559 galeg@s. 

Información tirada do número 124 do semanario Sermos Galiza.