O alcalde de Begonte pediu o fechamento do colexio

O ensino no rural sofre novos recortes

Manifestación en contra da unificación dos colexios de Baamonde e de Begonte, no mes de decembro. (Foto: Nós Diario)
Os recortes no ensino do rural lucense levan o colexio de Folgoso do Courel a loitar por manter o seu transporte escolar local e o centro de Baamonde a combater en contra da unificación co Virxe do Corpiño de Begonte. Este último concello votará no pleno que se fará na sexta feira a aprobación da unificación.

O alumnado do colexio de Folgoso do Courel chega todos os días á súa escola grazas ao labor dos transportistas que recorren as estradas montañosas da comarca, con rutas moi específicas  e adaptadas á localización espallada dalgúns estudantes. Son taxistas locais, con 6 turismos e un microbus, que levan ás 33 alumnas e alumnos do CIP Poeta Uxío Novoneyra ao seu centro e que ven perigar o seu posto de traballo. 

A Xunta da Galiza dispuña un prazo de presentación de ofertas para a licitación do contrato do transporte escolar, agora suspendido, para o Concello de Folgoso do Courel, que “prexudicaba o alumnado”, fai saber en conversa con Nós Diario a presidenta da ANPA do citado colexio, Pilar Veiga. “Somos un concello de montaña, con alumnas e alumnos que viven moi lonxe da escola e que son recollidos no seu propio fogar porque é inviábel que poida camiñar 6 quilómetros para chegar ao centro”. O contrato recollía o lote de 7 concellos para a xestión de transporte público, o que contemplaba a “suspensión de varias paradas, mais sen teren en conta a orografía e as estradas do Courel, o que podería supor un impedimento para os microbuses que pasarían a xestionar o transporte”. 

Tras varias semanas en loita e debido á presentación das alegacións da Valedora do Pobo á proposta da Consellaría de Educación, “conseguiuse a paralización da presentación de ofertas, pero iso non implica que se vaia cumprir cos nosos requisitos, xa que poden sacala de novo da mesma forma”, explica Veiga. Aínda que por parte do Goberno galego aseguran que “están a facer todo o posíbel e que ningún neno vai facer máis quilómetros, non o queren confirmar por escrito”, puntualiza a presidenta. 

Por iso, a ANPA non vai deixar de loitar e, a través da voceira do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, presentan esta semana unha iniciativa na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, “para denunciar a discriminación causada pola decisión do Goberno galego que vulnera o dereito á igualdade no acceso á educación ao non ter en conta as condicións específicas de montaña e a vulneración da normativa europea respecto ao uso dos fondos Feder cos que se está a financiar actualmente o transporte escolar na Galiza”.

Eliminación do colexio de Baamonde

Outro dos casos de abandono do ensino rural é o do CEIP Baamonde. O Goberno local de Begondo, concello ao que pertence este centro, sorprendeu a ANPA Vidueiro cunha reunión no mes de decembro na que lles notificaba o inicio dos trámites para solicitar a unificación do colexio de Baamonde co Virxe do Corpiño de Begonte. “A escusa era que ese centro está a dar gastos, que en realidade van ás contas da Consellaría de Educación, e que esas instalacións serán para a creación dun conservatorio profesional de música”, explica Paula Iglesias, a secretaria da ANPA a Nós Diario

Ao día seguinte, a asociación puxo en marcha unha serie de mobilizacións para concienciar a veciñanza do rexeitamento desta nova. “Nós non estamos en contra de que se faga o conservatorio, pero non á custa do noso colexio”, defende Iglesias, xa que mesmo asiste alumnado das parroquias de Guitiriz e Vilalba. 

Ao longo destas semanas recibiron o apoio da veciñanza e do BNG e PSOE na Deputación lucese, pero a pandemia está a complicar que se sigan coas reivindicacións presenciais. “Esta sexta feira o pleno do Concello votará sobre a unificación dos colexios e o propio alcalde xa nos dixo que ía saír adiante, porque ten maioría absoluta”. 
No que respecta á alternativas, Iglesias asegura que o rexedor “as ignora completamente, xa que lle propuxemos que os alumnos e as alumnas de Begondo viñesen ao noso centro, que ten mellores instalacións e conta con máis terreo".