Máis de dous terzos dos ingresos dos colexios privados da Galiza proceden de fondos públicos

O Goberno galego destina hoxe 306 millóns de euros a sufragar a escola concertada, 56 máis que cando o PP chegou a San Caetano. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
A porcentaxe que representan os cartos públicos no ensino privado non universitario é dez puntos superior á media estatal.

Arredor de 67,2% dos ingresos da educación privada non universitaria na Galiza proceden de fondos públicos, dez puntos por riba da media estatal, que se sitúa en 57%, segundo datos da Enquisa de Financiamento e Gasto do Ensino Privado publicados esta segunda feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

En concreto, a Galiza destinou de media no curso 2020-2021 uns 2.726 euros de diñeiro público por alumno da educación privada dos 4.057 que representan os seus ingresos totais. Desta maneira, o país posiciónase un chanzo por riba da media, xa que no conxunto do Estado español os colexios privados reciben uns 2.632 euros por alumno de media.

Melilla (2.604 euros), País Valencià (2.571 euros), Aragón (2.559 euros), Asturias (2.520 euros), Castela-A Mancha (2.511 euros), Andalucía (2.209 euros), Madrid (2.138 euros) e Canarias (1.687 euros) gastan menos.

Pola súa parte, Euskadi (4.174 euros) e Nafarroa (3.607 euros) son as que máis destinan a este tipo de educación, seguidas de Cantabria (3.577 euros), Ceuta (3.330 euros), A Rioxa (3.291 euros), Castela e León (2.938 euros), Balears (2.922 euros), Catalunya (2.906 euros), Estremadura (2.893 euros), Murcia (2.892 euros) e a propia Galiza (2.726 euros).

A nivel estatal, a educación privada obtivo un resultado de explotación de 756 millóns de euros durante o curso escolar 2020-2021, o que representa 27% máis que no curso 2014-2015, cando se realizou a edición anterior desta enquisa. Os gastos correntes por alumno foron de 4.356 euros en centros non universitarios concertados, de 4.958 euros en privados non concertados e de 5.421 euros no ensino universitario.

Á hora de interpretar os resultados, o INE alerta de que debe terse en conta que poden estar afectados pola atípica situación do ano 2020, causada polas restricións de mobilidade debidas á pandemia da Covid-19.

Así, os resultados por estudante aumentaron 4,6% a respecto da enquisa precedente na educación non universitaria —até 151 euros por alumno— e 23,7% na universitaria —até 742 euros por alumno—. O ensino non universitario privado xerou 54,2% dos resultados de explotación e o universitario 46,2%. Na edición anterior a distribución foi de 64,7% e 35,3%, respectivamente.

A Administración Pública achegou 57% dos ingresos correntes dos centros de educación non universitaria e 2,8% dos centros privados universitarios. Ambas as porcentaxes foron semellantes ás do curso 2014-2015.

Desde o punto de vista dos fogares, a educación privada non universitaria supuxo un custo medio en cotas de ensino de 1.421 euros por alumno no curso 2020-2021. Pola súa parte, o custo medio do ensino privado universitario foi de 5.604 euros.