O ensino perde 250 docentes ao ano

Noelia Otero, Román Rodríguez e Lourenzo Sobral
O conselleiro de Educación expuxo o novo modelo educativo para a Galiza.

O conselleiro de Educación e Universidade, Román Rodríguez, compareceu onte no Parlamento para expor as liñas do modelo educativo da Galiza que, anunciou, "está a piques de experimentar un novo pulo no referido á innovación e a transformación dixital". 

O titular da Consellaría de Educación declarou que o seu departamento está a ultimar a orde para crear "máis de 200 polos creativos en centros educativos da Galiza". Uns espazos físicos, explicou, de cocreación desde unha perspectiva de competencia STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), que irán paralelos á creación dun "centro especializado no ensino dixital e na innovación e investigación educativa".

Durante a súa intervención, Rodríguez defendeu o labor feito no ensino nesta década de Gobernos do PP no país e mesmo afirmou que "o modelo educativo da Galiza pode servir de referencia para o conxunto do Estado".

Nesta liña, o conselleiro chegou a afirmar na Cámara que o que se viviu nestes dez anos de Executivos de Núñez Feixoo foi "unha revolución silenciosa" no ensino.

"A realidade é outra,  señor conselleiro"

O portavoz de Educación do BNG, Manuel Antonio Lourenzo, instou o conselleiro a asumir "a realidade" do ensino na Galiza, marcado por anos de recortes. "Deixe a hipérbole e o autobombo", pediulle, e lembrou que as denuncias sobre as excesivas "ratios urbanas, o profesorado ao límite, o abandono do ensino no rural" non proceden do Bloque senón de "representantes de docentes, de alumnado e de familias".

O deputado nacionalista reprochou ao conselleiro que desde a tribuna falase de "avances" e "éxitos" cando, dixo, hai un dato que resume os recortes desta década: "Desde que goberna o PP perdemos 2.500 docentes, 250 cada ano".

Lourenzo emprazou o conselleiro a aceptar negociar sobre oito propostas da formación nacionalista, "xa que estamos no 8-M". Iniciativas redor da fin da segregación, o desenvolvemento dunha de atención á saúde mental nos centros, acordos en normalización lingüística ou aumento do cadro docente.

Incumprimentos

Noelia Otero, portavoz socialista de Educación, coincidiu en salientar e denunciar os "recortes" nestes anos no ensino como un precedente que non permite "confiar" nos anuncios e promesas.

Otero reprochou, entre outras cuestións, o triunfalismo do conselleiro ao falar da Estratexia Galega de Formación Profesional. "Con quen contaron para deseñala? Coa comunidade escolar non, desde logo", dixo. A socialista criticou o conselleiro polo despedimento do profesorado de reforzo contratado para facer fronte á pandemia da Covid e por non acabar co problema das "ratios" nas aulas galegas.

O conselleiro, na súa quenda final, reprochou á oposición estar presa "dunha liturxia" que "non se sostén cando a comparamos coa realidade".