Ensino: novidades, estrutura e contidos dos novos decretos da Xunta

A materia de Filosofía será optativa en 4º da ESO. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
O conselleiro de Educación asegurou que se promoverá un reforzo das competencias básicas con "máis lingua, más humanidades, máis matemáticas e máis tecnoloxía", con máis sesións docentes, coa implantación de materias específicas e con bloques específicos dentro das materias.
  1. Cualificacións numéricas
  2. Educación Primaria
  3. Educación Secundaria Obrigatoria
  4. Bacharelato

A Consellaría de Cutlura, Educación e Universidade vén de anunciar que a Galiza manterá as cualificacións numéricas para o alumnado en todos os cursos, ao tempo que reforzará as competencias lingüísticas, humanísticas, matemáticas e científicas (STEM) nos currículos educativos para todas as etapas que se aplicarán a partir de setembro coa entrada en vigor da nova lei estatal.

O conselleiro, Román Rodríguez, deu conta nesta terza feira das principais novidades, da estrutura e dos contidos curriculares que lle corresponden á Xunta, e que, segundo explicou, foron deseñados "desde unha perspectiva técnica" e "baixo os principios irrenunciábeis de situar o alumno no centro de todas as decisións".

Tal e como detallou, os grupos de traballo docente realizaron as propostas baixo a premisa de non recortar contidos, manter o peso dos bloques lingüístico e matemático-científico ao longo das etapas así como ter en conta a transición entre etapas, pero, sobre todo, "tendo moi presente que a formación competencial do alumno é o centro de referencia do currículo na Galiza".

Cualificacións numéricas

No que atinxe ás cualificacións, a Galiza manterá as notas numéricas como complementarias das cualificacións literais que estabelece a nova lei Lomloe. A este respecto, o conselleiro explicou que a Xunta "vai respectar a normativa básica do Estado" coas notas literais pero, a maiores, incorpórase tamén a cualificación numérica correspondente, como se fai até o de agora.

"Tómase esta decisión porque cremos que é fundamental que tanto o alumnado como as familias dispoñan da máxima información" e porque "é necesario pór en valor o esforzo realizado polos alumnos", afirmou Rodríguez.

En relación aos contidos dos currículos, o conselleiro asegurou que se promoverá un reforzo das competencias básicas con "máis lingua, más humanidades, máis matemáticas e máis tecnoloxía", con máis sesións docentes, coa implantación de materias específicas e con bloques específicos dentro das materias, especialmente un bloque de competencias STEM en Ciencias Naturais en Primaria.

Educación Primaria

A etapa de Primaria manterá a carga e a distribución horaria de cinco sesións lectivas ao día até un total de 25 sesións semanais, pero cunha estrutura curricular na que se reforzarán tanto as linguas como as áreas STEM.

A partir do vindeiro curso, o alumnado galego de 6º curso de Primaria terá dúas horas máis de linguas —unha en Lingua galega e literatura e outra en Lingua castelá e literatura— en 6º curso de Primaria, até acadar as 24 sesións no conxunto da etapa.

Por outra parte, acométese unha reestruturación das Matemáticas, ao restarse dúas sesións no conxunto da etapa educativa para a materia concreta de Matemáticas, pero cun aumento de tres sesións en Ciencias Naturais, onde se introduce un bloque completo de contidos STEM.

Outra novidade é a introdución da nova materia Educación en valores cívicos e éticos, que marca o Estado, cunha carga horaria dunha sesión en 6º curso de Primaria.

A Xunta optou por introducir como materia "espello" a Relixión unha que se denominará Proxecto competencial de centro. Nesta alternativa a Relixión, os centros traballarán cos alumnos o desenvolvemento de proxectos desde a súa fase inicial de idea, as intermedias de planificación e deseño e a fase final de presentación e exposición.

Educación Secundaria Obrigatoria

Na ESO, acométese a reordenación de Lingua galega e Literatura e Lingua castelá e literatura. Dúas sesións —unha de cada materia— que até o de agora se impartían en 1º de ESO trasládanse a 6º curso de Primaria. 

Na área matemático-científica introdúcese como obrigatoria a nova materia Tecnoloxía e dixitalización, cunha carga lectiva de seis sesións/semanais a razón de tres sesións en 1º de ESO e outras tres no segundo curso.

Unha das novidades na etapa de ESO é a introdución de catro sesións de Libre disposición de centro a razón de dúas en 1º e outras dúas en 2º de ESO. Segundo o conselleiro, a Xunta pretende "fomentar a autonomía dos centros", dotándoos de "certa marxe de manobra para empregar unha parte do tempo en reforzar aquelas áreas que consideren máis necesarias".

No que atinxe ás materias optativas, a maiores do bloque do marco estatal, os alumnos poderán cursar unha optativa de competencia da Xunta en 3º de ESO e outra en 4º de ESO cunha carga lectiva de tres sesións/semana a elixir entre 2ª Lingua estranxeira, Cultura Clásica, Educación Dixital e Oratoria (para 3º curso) e Filosofía, Cultura Clásica ou Oratoria (en 4º curso).

Bacharelato

En Bacharelato, o currículo estatal estabelece catro modalidades de Bacharelato que son o de Ciencias e Tecnoloxía, o de Humanidades e Ciencias Sociais, o de Artes —cunha vía de Plásticas, Imaxe e Deseño e outra de Música e Artes Escénicas—, e o Xeral —de nova implantación—. Todos eles contan cunhas materias comúns, unhas específicas de modalidade e materias optativas, nas que a Xunta ten maior marxe para "complementar contidos".

Atendendo a esta estrutura, na Galiza deseñouse unha optativa de catro sesións/semana co obxectivo de "procurar unha formación máis competencial e especializada" co fin de xerar itinerarios formativos potentes e vertebrados "dentro dun abano de propostas cuxos contidos se están fechando", aínda que xa están deseñados os títulos das materias, como salientou o conselleiro.

Ademais, confirmou a incorporación de contidos anteriores a 1812 na materia de Historia de España, mais non de contidos específicos da Historia da Galiza pertencentes a ese período histórico. Así mesmo, en 1º curso de Bacharelato refórzase Educación Física cunha sesión lectiva máis á semana até un total de tres.