O ensino medio tamén vai á folga o 13 de abril

O estudantado de secundaria e bacharelato tamén está chamado a saír ás rúas. 

Esta cuarta feira (13 de abril) o estudantado galego convoca unha xornada de greve en defensa do ensino público. A folga atinxe a sistema universitario mais tamén o de secundaria, ESO e Bacharelato. 

O estudantado de ensino medio ve no rexeitamento da LOMCE o principal motivo para secundar a greve

"A LOMCE atinxe estas etapas educativas principalmente", sinala Diego Bará, estudante de 2º de Bacharelato en Pontevedra en conversa con Sermos Galiza. E, nese senso, unha das cuestións incorporadas a esta lei que máis proen entre o alumnado son "as reválidades". Estas probas, que comezaron a se aplicar o curso pasado en 3º de Primaria e que visan continuar neste en 6º de Primaria, aplicaranse "ao final de cada etapa educativa" pondo en boa medida en mans destas probas "o futuro do estudantado", sinala Diego Bará. 

Entre as súas amizades e compañeiras de aula, afirma, "é o motivo fundamental" que leva o estudantado de ensino medio a se mobilizar para alén do carácter "segregador" da LOMCE, acrecenta. 

O contexto actual convida a saír á rúa nun momento en que o executivo español está en funcións e a Cámara vén de aprobar unha proposta que visa iniciar os trámites de suspensión da LOMCE. Perante o incerto futuro político no estado, o estudantado acha que é unha boa oportunidade de saír á rúa e amosar, máis unha vez, o seu rexeitamento á política educativa desenvolvida nos últimos anos polo Partido Popular, quer na Galiza, quer no Estado español. Mais tamén ás mudanzas introducidades desde o ámbito europeo, como a Estratexia Universidade 2020, coñecida no Estado español como decreto 3+2. 

BNG, En Marea, CIG-Ensino ou a Confederación de Anpas galegas amosaron publicamente o seu apoio á folga estudantil

O clima nos días previos á greve é de "interese" por parte do alumnado ás reivindicacións que a motivan. "En Pontevedra fixemos un bon traballo" de axitación, sinala Diego Bará, integrante de Erguer, estudantes da Galiza, quen, aliás, ve "moi positivo" os últimos acontecementos no propio seo do movemento estudantil coa creación de Erguer. 

O alumnado conta co apoio de organizacións sindicais, políticas e sociais que se adhiren ás súas demandas. Neste senso, BNG e En Marea amosaron o seu apoio á xornada de loita convocada nas aulas. Tamén a CIG-Ensino e a Confederación de Anpas galegas que vén de emitir un comunicado no que parabeniza o estudantado e lanza un chamamento "á sociedade" para que "considere a mellora do ensino público como un obxectivo prioritario".