O ensino galego, mais unha vez, dá un non masivo á Lomce e as reválidas

Cifran nun 90% o seguimento da greve convocada por Erguer, Anega e Acción Universitaria no ensino non universitario. Miles de persoas tomaron parte nas manifestacións que decorreron nas cidades do país. Pola tarde, hai concentracións en cidades e vilas. VÍDEO NO INTERIOR.

O ensino galego volveu rexeitar a Lomce e as reválidas cunha nova xornada de greve, un protesto que foi secundada masivamente, cun 90% de seguimento, segundo Iria Figueroa, de Erguer, e Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector. A greve foi convocada por Erguer, Anega e Acción Universitaria contra unha lei “deseñada para dar maiores facilidades para estudar ás elites”.

Os convocantes falan dun 90% de seguimento na rúa e máis de 4.000 estudantes nas mobilizacións na rúa

O protesto tamén denuncia que este curso 2016-17 comezou con 84 centros públicos menos e 38 privados máis, así como que a materia de relixión compute para a media e que sexa unha lei “que ataca a nosa lingua” e que procure “devolver competencias educativas ao goberno do Estado”.

Embora o mal tempo, varias manifestacións decorreron polas cidades galegas para reiterar o non do ensino galego a esta lei e ás reválidas, así como para defender un ensino públic. Ademais, en diversas localidades do país os estudantes realizaron concentracións nos centros de ensino. “O ensino é un dereito”, “Nin Lomce nin reválidas” foron algunhas das palabras de orde desta xornada.

Nas mobilizacións estiveron presentes representantes de sindicatos así como de organizacións políticas como o BNG e En Marea. En Compostela, a portavoz nacional nacionalista, Ana Pontón, instou a Xunta a "escoitar o clamor contra a Lomce" e Luca Chao (En Marea) considera "impresentábel" que os alumnos non saiban aínda de que van examinarse. 

A greve decorre apenas un mes despois doutro protesto, en outubro, que tivo un seguimento masivo no ensino galego. Non se fían dos anuncios do goberno, sinalan os promotores, que lembran que mentres fai anuncios de que quer eliminar as reválidas lexisla no sentido contrario, para que teñan valor académico. "Non pararemos aquí e seguiremos en constante loita até que consigamos tumbar esta lei que atenta contra o ensino público galego”, manifestou Iria Figueroa

Mobilizacións e concentracións convocadas pola Plataforma galega en defensa do ensino público. e que decorreron pola tardiña en cidades e vilas galegas puxeron o ramo xornada de mobilización.