O ensino arranca de maneira presencial o 10 de xaneiro

Pilar Alegría, Carolina Darias e Joan Subirats, na rolda de prensa sobre o tema. (Foto: E. Parra. POOL / Europa Press)
As crianzas de entre cinco e once anos terán un test de antíxenos de balde a partir do 7 de xaneiro, tres días antes do comezo das aulas, que serán de maneira totalmente presencial.

Todos os tramos do sistema educativo reinician a súa actividade o vindeiro 10 de xaneiro de maneira totalmente presencial, segundo acordaron por unanimidade onte os territorios do Estado nunha xuntanza coa ministra de Sanidade, Carolina Darias, a de Educación, Pilar Alegría, e o de Universidades, Joan Subirats.

Na reunión pactouse asemade garantir o uso da máscara -incluído o tempo de recreo-, a ventilación cruzada das aulas, apuntalar a vacinación infantil e o cumprimento dos protocolos en centros universitarios e residencias. Outro dos aspectos que se abordou foi intensificar a comunicación e difusión das medidas de prevención entre a comunidade educativa.

Finalmente, as corentenas que se aplicarán ao ensino serán as mesmas da poboación xeral, de sete días. Ademais, terán que aplicala as persoas sen vacinar que tiveran contacto cun positivo, non así as que foran inoculadas.

Con respecto ao documento de propostas filtrado a pasada segunda feira, que propuña eliminar as corentenas dos contactos estreitos en Infantil e Primaria e defendía que só se considerase gromo con tres ou máis casos en colexios e institutos, Darias sostivo que está sendo “obxecto de estudo”, e que serán as expertas e expertos en vacinas de Sanidade os que se pronuncien máis adiante.

Pola súa parte, a ministra de Educación incidiu en que “prudencia si, alarmismo, ningún”, pola volta ás aulas, e relatou que están a traballar para garantir o número de profesoras e profesores perante as baixas por coronavirus.

Test de antíxenos gratis para as crianzas

Ao final da reunión, o titular da Consellaría de Sanidade, Julio García Comesaña, fixo público que a partir do 7 de xaneiro estará dispoñíbel nas farmacias galegas un test de antíxenos gratuíto para as crianzas de entre cinco e once anos.

Esta proba poderá recollerse coa tarxeta sanitaria nos estabelecementos que forman parte da iniciativa, salientou, coa que procuran casos nos rangos de idade que aínda non contan coa pauta completa dalgunha das vacinas de Covid-19.

Unha vez recollidas, as nais e pais recibirán unha mensaxe de texto coas instrucións e os pasos a seguir no caso de que o resultado sexa positivo.