O ensaio do Carlos III avala que poñer Pfizer tras AstraZeneca produce resposta inmune e efectos secundarios moderados

Vacinación do persoal do Servizo de axuda no fogar no Hospital Clínico de Santiago. (Foto: Xunta da Galiza).

O estudo Combivacs avala a segunda dose de Pfizer nos vacinados con AstraZeneca.

Os resultados preliminares do ensaio clínico 'CombiVacs', posto en marcha polo Instituto de Saúde Carlos III ( ISCIII), evidenciaron que unha dose da vacina contra a covid-19 de Pfizer produce resposta inmune forte e efectos secundarios de leves a moderados en persoas menores de 60 anos que recibiron unha soa dose de  AstraZeneca.

A principios de abril, Sanidade tomou a decisión de vacinar con  AstraZeneca só a maiores de 60 anos pola aparición de eventos  trombóticos "moi raros" sobre todo en persoas de menor idade, seguindo o exemplo doutros países europeos como Francia ou Alemaña.

Esta restrición provocou que moitos menores de 60 anos que recibiran xa unha dose de  AstraZeneca non puidesen recibir a preceptiva segunda inxección. Os afectados son, principalmente, persoal esencial como profesores ou policías.

O ensaio realizouse en cinco hospitais do Estado: La Paz de Madrid, o Clínico San Carlos de Madrid, o  Vall d' Hebron de Barcelona, o  Clinic de Barcelona e o Cruces de Biscaia. O Centro Nacional de  Microbiología, pola súa banda, tamén participou como laboratorio de análise central do estudo.

Neste ensaio clínico fase 2, comparativo,  randomizado e adaptativo participaron 676 pacientes de diferentes grupos de idade e territorios do Estado que recibiron unha soa dose de  AstraZeneca e van dos 18 aos 59 anos.

Dividíronos en dous grupos: un de 226 que recibiu a dose "inmediatamente" e outro de 450 que a recibiu tras 28 días. Os resultados presentados esta terza feira son os analizados aos 14 días despois de recibir a dose de  Pfizer.

Expertos chaman a respectar a pauta vacinal

Os expertos chaman a respectar a pauta vacinal ante a falta de fundamento do estudo CombiVacs. Para África González, catedrática de Inmunoloxía, "este tipo de estudos está ben facelos, pero vexo varios problemas. Dunha banda, chega tarde. Reino Unido xa comezou con eles hai meses. Doutra, o número de persoas que inclúe este ensaio é baixo, faltan grupos para analizar. E ademais, por que só se considera a combinación de AstraZeneca e Pfizer, non outras?", cuestiona a investigadora do Centro de Investigacións Biomédicas da UVigo -Cinbio-.