Un ensaio da USC analiza os alicerces da educación na Galiza

O profesor da USC Alexandre Sotelino coordina o volume. (Foto: USC)
70 expertas trazan desafíos para o futuro

O Museo Pedagóxico da Galiza (Mupega) acolleu eta sexta feira a presentación do libro A Educación en Galicia en perspectiva: Alicerces para o porvir (Edicións USC), nun acto no que interviñeron o coordinador do libro e profesor da USC Alexandre Sotelino; o presidente do Parlamento da Galiza, Miguel A. Santalices; e o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez.

A obra, que conta con prólogo da académica Marilar Aleixandre, presenta un panorama do eido educativo (non só do escolar) na Galiza. Nela, 70 persoas expertas de múltiples ámbitos trazan retos e desafíos para asumir desde escolas, concellos, institutos, asociacións e entidades nos vindeiros anos. O ensaio postúlase así como un documento base sobre o que situar os piares técnicos e epistémicos sobre os que asumir a singradura do século XXI.

O volume aborda a dimensión social da educación na Galiza actual e de futuro a través dos distintos niveis formativos e analiza a inserción da educación na súa realidade territorial a través de aspectos como a pedagoxía medioambiental.

A primeira parte titúlase ‘Educación e sociedade na Galiza. Particularidades e necesidades dun pobo’ e nesta hai espazo para a lembranza das escolas de ferrado, do legado educativo da emigración galega e de proxectos innovadores coma as escolas na natureza, para chegar á actualidade dun sistema educativo que afronta novos desafíos pedagóxicos e na que xogan un rol importante os institutos de Ciencias de Educación.

‘Ámbitos e niveis na educación galega. Potencialidades e limitacións’, a segunda parte, estuda polo miúdo os retos aos que se enfrontan a Educación Secundaria Obrigatoria, a Formación Profesional, as ensinanzas artísticas, o sistema universitario, a educación social ou os papeis que xogan a familia, a comunidade, a escola e as administracións locais neste eido. Finalmente, a terceira parte, ‘Sectores e contextos de intervención. Pensando no porvir da Galiza’, aborda polo miúdo temas coma a xestión educativa da diversidade cultural, a relación entre xénero e educación, a educación dixital, os xogos e deportes tradicionais ou o futuro da lingua e da literatura na educación galega.