Análise

O enfoque dos dereitos humanos en saúde mental

A falta dunha normativa especifica sobre o uso de medidas de contención non facilita que se aposte decididamente pola a contención cero. (Foto: Álex Rozados)
A psicóloga clínica Rosa Cerqueiro Landín prosegue o ciclo de análises de 'Nós Diario'.

Existe un evidente avance na cultura xurídica que rexe a asistencia sanitaria. O dereito á información e o consentimento informado son exemplos dun cambio de paradigma, onde o enfoque de dereitos vai desprazando o paternalismo que aínda domina o contexto sanitario, guiado máis polo principio bioético de beneficencia que os de autonomía, non maleficencia ou xustiza.

Con todo, aínda estamos moi lonxe de acadar un escenario onde as condicións de saúde da persoa, sobre todo cando dificultan a funcionalidade e capacidades desta, non sexan factores de excepcionalidade para o exercicio efectivo dos seus dereitos.

A día de hoxe, existen prácticas que afectan directamente a dereitos fundamentais das persoas ingresadas ou que residen en centros sociosanitarios. Entre elas, a contención mecánica, é dicir, o uso de medios para reducir parcial ou totalmente o movemento da persoa.

Habitualmente, a persoa fica atada mediante correas en brazos, pernas e abdome, quedando absolutamente limitada na súa liberdade física. 
É unha práctica marcada polo conflito ético entre a lóxica dos coidados e as prácticas de control social, tan instaladas na historia da psiquiatría, e de moi difícil encaixe emocional para quen a realiza, aumentando o malestar profesional e a síndrome de burnout.

E máis importante: son prácticas coercitivas non exentas de risco físico (podendo ser letal) e psicolóxico de alto impacto, como a revitimización traumática, o menoscabo na autoestima e a clínica depresiva.

A Convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade da ONU, ratificada por España en 2008, sinala o camiño cara a igualdade efectiva e a inclusión de colectivos tradicionalmente excluídos. Insta a modificar leis, regulamentos e prácticas que constitúan unha discriminación e atenten contra a dignidade inherente da persoa.

Existe experiencia suficiente que avala a posibilidade de erradicar o uso da contención mecánica nos centros asistenciais

Atar é unha desas prácticas

Ao non haber rexistros específicos no uso das contencións, tal como se recomenda, é difícil obter datos precisos. A Confederación Estatal de Organizacións de Maiores (CEOMA) advertía en 2013 dun alto número de contencións mecánicas en España con respecto a países da súa contorna, e unha gran variabilidade, desde un 7% ata un 90%.

O programa 'Desatar' do CEOMA, tras case 20 anos investigando, sensibilizando e asesorando sobre o uso de contencións, leva acreditados 150 centros "libres de suxeicións". No ámbito da saúde mental, aínda que máis lentamente, tamén se están acumulando experiencias positivas, sobre todo internacionais e algunha estatal, de unidades psiquiátricas libres de contención. A Resolución 2291 (2019) da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa recolle exemplos desas experiencias non coercitivas.

Existe, polo tanto, experiencia suficiente que avala a posibilidade de erradicar o uso da contención mecánica nos centros asistenciais e sociosanitarios, e manterse no tempo sen utilizar alternativas igualmente coercitivas. 

Entón, por que se segue atando?

A falta dunha normativa especifica sobre o uso de medidas de contención non facilita que se aposte decididamente pola contención cero. As recomendacións repetidas de Nacións Unidas ou do Consello de Europa non se trasladan a regulacións precisas que vinculen Administracións, profesionais e cidadanía. Queda no terreo das "boas prácticas" pero costa avanzar na súa eliminación.

É necesario formar e capacitar o persoal no uso de alternativas, un equipo que traballa con contencións empobrece a calidade do seu traballo

Mentres, permanecen mitos, medos e inercias das organizacións que impiden coñecer realidades contrastadas arredor da supresión das ataduras. 
Mitos sobre a suposta violencia das persoas con diagnóstico psiquiátrico, idea totalmente allea á realidade; medos sobre a seguridade das persoas maiores que fan usar as contencións para evitar as caídas; inercias que teñen que ver coa cultura das organizacións sanitarias, como unha excesiva tolerancia a certas formas de coerción, a tendencia a manter modos de traballar ríxidos (en vez de metodoloxías de traballo máis horizontais, multidisciplinares e non exclusivamente farmacolóxicos) ou unha asistencia defensiva.

Pola contra, a realidade contrastada indica que o uso rutineiro en maiores aumenta o risco de caídas e maior deterioro cognitivo; que quitar suxeicións é seguro se se fai ben; que é necesario formar e capacitar o persoal no uso de alternativas á contención; que é máis eficaz programar como meta a contención cero en vez da diminución do uso, para un cambio de mentalidade efectivo; que un equipo que traballa con contencións empobrece a calidade do seu traballo; que non é necesario aumentar sensiblemente o persoal para traballar sen contencións.

A Instrución 1/2022 da Fiscalía Xeral do Estado, que reforza o control sobre o uso de contencións é un paso máis para afianzar a perspectiva de priorización dos dereitos humanos na asistencia sanitaria.