Saúde

Quen ten máis risco de padecer enfermidades cardiovasculares? Estes son os factores de risco

Cinco de cada mil mulleres sofren cada ano un ictus, segundo o estudo, por volta de 8,2 casos entre os homes. (Foto: Dan Kosmayer)
Un estudo elaborado por persoal investigador da Universidade de Gotemburgo, en Suecia, seguiu pacientes de 21 países durante unha década para obter as súas conclusións.

Os factores de risco das enfermidades cardiovasculares son, en gran medida, os mesmos para homes e mulleres, segundo un amplo estudo mundial no que participan investigadores da Universidade de Gotemburgo (Suecia) e que vén de publicarse na revista científica The Lancet. A investigación inclúe participantes tanto de países de renda alta como de renda media e baixa. As enfermidades cardiovasculares están máis estendidas nestes últimos.

Os datos proceden do Estudo Epidemiolóxico Urbano Rural Prospectivo (PURE, polas súas siglas en inglés). O estudo comprendía 155.724 individuos de 21 países dos cinco continentes, con idades comprendidas entre os 35 e os 70 anos e sen antecedentes de enfermidade cardiovascular cando se incorporaron ao estudo.

Rexistráronse todos os casos de enfermidades cardiovasculares mortais, infartos de miocardio, derrames cerebrais e insuficiencias cardíacas durante o período de seguimento, que foi dunha media de dez anos. Os factores de risco estudados foron metabólicos —como a hipertensión arterial, a obesidade e a diabetes—, de conduta —tabaquismo e dieta— e psicosociais —situación económica e depresión—.

Os factores de risco metabólico resultaron ser similares en ambos os sexos, agás no caso dos valores elevados de lipoproteínas de baixa densidade —LDL, coñecido como 'colesterol malo'—, cuxa asociación coas enfermidades cardiovasculares foi máis forte nos homes. Con todo, en opinión do persoal investigador, este achado debe confirmarse aínda en máis estudos. Os síntomas depresivos foron outro factor de risco de enfermidade cardiovascular que resultou ser máis significativo entre os homes que entre as mulleres.

Por outra parte, a relación entre unha dieta inadecuada e as enfermidades cardiovasculares era máis estreita nas mulleres, e o tabaquismo, aínda que notabelmente máis frecuente entre os homes, era un factor de risco igual de prexudicial para as mulleres. En xeral, as e os investigadores acharon factores de risco moi semellantes nos participantes masculinos e femininos, independentemente do nivel de ingresos dos seus países.

Esta cuestión, precisa o estudo, pon de manifesto a importancia de que as estratexias de prevención da enfermidade sexan tamén as mesmas para ambos os sexos. O menor risco global das mulleres de padeceren enfermidades cardiovasculares, especialmente de sufriren un ataque ao corazón —infarto de miocardio—, pode explicarse pola maior tolerancia das mulleres máis novas aos factores de risco. O estróxeno fai que as paredes dos vasos sanguíneos sexan máis flexíbeis e afecta a capacidade do fígado para eliminar as LDL.

Entre as mulleres do estudo, 90.934, rexistráronse 5,0 casos de ictus, infarto e/ou enfermidade cardiovascular por cada 1.000 persoas ao ano. A cifra correspondente no grupo de homes, 64.790, foi de 8,2 casos.

"Cando se trata de enfermidades cardiovasculares en homes e mulleres, as semellanzas a respecto de factores de risco son considerabelmente maiores que as diferenzas. Pero os homes son máis vulnerábeis aos niveis elevados de LDL, o colesterol malo, e sabemos por outros estudos que desenvolven cambios patolóxicos nas arterias coronarias a unha idade máis temperá que as mulleres, e tenden a empezar a desenvolver infartos de miocardio moito antes. Con todo, no que atinxe aos accidentes cerebrovasculares temperáns, as diferenzas de sexo son menos pronunciadas, como tamén vimos noutros estudos", comentou unha das autoras do estudo, Annika Rosengren, catedrática de Medicina da Academia Sahlgrenska da Universidade de Gotemburgo.