Enfermeiras vense na obriga de enviar fotos para receitar antibióticos pola falta de persoal

Urxencias nun centro de Saúde (Foto: Europa Press).
A falta de persoal no PAC de Pontevedra leva a que as enfermeiras teñan que enviar fotos a médicos doutros municipios para poderen receitar antibióticos.

As queixas pola falta de persoal médico en Puntos de Atención Continuada da Galiza continúan nas primeiras xornadas do ano.

O enfado e as denuncias das persoas usuarias non son novas, nomeadamente na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, onde as urxencias extrahospitalarias adoecen de graves problemas de cobertura de persoal facultativo.

A mediados de novembro, o Sergas propuxo suplir a carencia de médicos cunha formación extra ao persoal de enfermaría co fin de que saiba como resolver as consultas que se produzan nos PAC nas quendas en que non haxa profesionais de medicina.

Desde entón, o tirapuxa entre a Consellaría de Sanidade, profesionais e doentes non cesou. Culminou no día de fin de ano e na Noite Vella, xornada na que a CIG-Saúde denunciou a falta de persoal médico en catro PAC da área sanitaria: o da Parda (Pontevedra), Baltar (Sanxenxo), Cambados e Vilagarcía; unha ausencia que a Xerencia resolveu coa contratación de dúas ambulancias medicalizadas cun contrato externo, sen que o cadro de persoal que traballaba nesta Fin de Ano, os PAC e o 061 tivesen información da súa existencia.

Aínda sen médico

No inicio do ano, a situación de carencia mantense en diferentes quendas e centros. O 2 de xaneiro usuarias do PAC de Pontevedra deron a coñecer a situación nese punto de atención entre as 15 horas e as 8 horas, 17 horas durante as cales a falta de médico deixou o equipo de enfermaría á fronte do labor asistencial "enviando fotos ao médico doutro municipio para receitar antibióticos".

As condicións da sanidade pública incomodan as pacientes e todo o persoal sanitario ao igual que noutros centros de saúde, como o de Ordes, na área sanitaria de Santiago e O Barbanza, onde cada día actualizan o parte de ausencias.

E o pasado día 2 só había "tres médicos de nove".