Enfermeiras, precarias que salvan vidas

Nun sector fortemente feminizado e orientado aos coidados, estas profesionais sanitarias teñen que enfrontar unha sobrecarga que non se ve compensada cunha dignificación laboral

O Sindicato de Enfermaría Satse Galicia ven de difundir recentemente o estudo ‘Percepción de estrés en los profesionales de enfermería. Comparativa 2012-2017’. Segundo o documento, 70,83% das enfermeiras padecen o síndrome do burn-out, converténdose nun dos sectores profesionais mais castigados polo estrés. Esta excesiva carga de traballo repercute na calidade asistencial dunha labor vocacional que na actualidade segue sen desfrutar dunhas condicións laborais dignas.

 

A figura da enfermeira conta xa cunha ampla bagaxe histórica e, a pesares da alta profesionalización que experimentou no último século, segue a ser considerada como un papel “secundario” ao do médico. Isto, unido á crise e conseguinte pauperización dos dereitos laborais, provoca un deterioro da calidade asistencial. Sermos Galiza fala con tres profesionais mozas, un dos segmentos que ven nesta situación unha merma máis acusada no seu futuro profesional, condenado á eventualidade –seis de cada dez profesionais seguen a día de hoxe encadeando contratos temporais, ocupando interinidades ou, directamente, no desemprego–.

 

“Somos unha profesión que en menos de 100 anos mudou cinco veces de rango, os estudos foron ascendendo e hoxe en día avanzamos moito, cousa que moita xente non sabe; seguen a vernos como as que veñen a dar a medicación, mais facemos moitas máis cousas”, explica Andrea, enfermeira nunha prestixiosa clínica privada de Barcelona. Esta pontevedresa compaxina o seu traballo cun máster de Investigación e Innovación en Coidados de Enfermaría na Universidade Autónoma de Barcelona. “Agora mesmo, as enfermeiras podemos doutorarnos e facer investigación e, de feito, é importante que teñamos presenza na academia porque os estudos multidisciplinares deben contar tanto con médicos como con enfermeiras”, indica, poñendo de relevo o escaso recoñecemento científico do seu oficio.

 

Funcións e condicións laborais: un crecemento asimétrico

 

Este desenvolvemento da enfermaría veu acompañado cun aumento das funcións e competencias das profesionais. Desde hai décadas, o colectivo ven a adquirir máis autonomía perante a figura do médico, desde a prescrición de medicamentos até a capacidade de dar o alta médica, pasando polo importante papel que desempeñan en coidados e educación sanitaria. “Seguimos o prescrito polo doutor, mais tamén deseñamos un plan de coidados que colle corpo no PAE (Proceso de Atención de Enfermaría), e aí entra tanto paliar a dor como a monitorización do paciente ou a educación sanitaria do mesmo para que saiba facer fronte mellor á súa patoloxía”, enumera Andrea.

 

Porén, todo este incremento de atribucións non é reflectido nunhas condicións equivalentes á labor desempeñada. Segundo os últimos datos publicados polo INE, o custe laboral dun sanitario mantén unha constante negativa desde 2012 e este último trimestre rexistrou un descenso de 42 euros fronte ao ano anterior. O salario base, por exemplo, parte de aproximadamente 900 euros, que logo acostuma aumentar por extras –que, á súa vez, tamén provocan unha importante desigualdade salarial–. “No hospital privado no que traballo eu cobro arredor de 1.500 euros netos mais, por exemplo, nunha residencia xeriátrica privada na que estiven cobraba tan só 900 euros. Con eso dache para vivir?”, cuestiónase.

 

Na súa situación tamén se atopa Carlos, un mozo ribadense titulado en enfermaría e cun máster en Xerontoloxía que traballa actualmente nunha residencia xeriátrica privada en Santiago de Compostela. “Ao ser un contrato de prácticas, actualmente cobro 80% do salario, que aumentaría en seguintes contratacións, mais hoxe en día non chego aos 1.000 euros”, aclara. Tamén precisa que, aínda que a nómina no convenio público é maior, o certo é que nun posto de traballo na privada goza de máis estabilidade “e non teño que estar disponíbel todo o tempo para entrar a choiar en calquer momento cando estás nunha listaxe”.

 

Esta temporalidade amósase como un dos principais problemas da enfermaría na sanidade pública. De cara a obter unha praza, fálase dunha media de 15 anos para conseguir ese prezado contrato de traballo que, incluíndo turnos rotatorios, ascendería aos 1.800 euros. Non obstante, até ese momento -se é que chega- as profesionais máis novas vense obrigadas a moverse e desprazarse entre centros sanitarios, limitándose a traballar durante anos en datas festivas ou vacacións. O culme desta precarización toma corpo na listaxe de contratación rápida POOL, que obriga á profesional a estar disponíbel en todo momento, arriscándose a penalizacións se renuncia máis de tres veces ou non colle o teléfono máis de dez. Todo isto, para conseguir contratos que non acostuman exceder os dous días.

 

Sobrecarga: máis de 80 persoas a cargo dunha soa enfermeira

 

Se ben ambos sectores adoecen das mesmas dificultades, fronte ao problema da eventualidade da sanidade pública, nos centros privados destaca a sobrecarga de traballo á que se teñen que enfrontar as profesionais. “Segundo o convenio para residencia, podes levar ata 80 pacientes tu soa. E, ainda que esteas 12 horas traballando, unha enfermeira para tanta xente vai agobiada, vamos tirando todo o tempo e non podemos dar a calidade de coidado que nos gustaría”, narra Andrea. Consecuentemente, tamén ao ser as profesionais máis achegados ao paciente –coidados constantes a pé de cama–, as enfermeiras convértense na diana de queixas dos pacientes. “O primeiro dardo valo comer tu, iso está clarísimo”, resume.

 

No caso de Carlos, o seu lugar de traballo conta con 150 persoas residentes que acostuman ser repartidas entre dúas persoas, mais admite que tamén existen ocasións nas que -por diversos motivos- un enfermeiro ten que afrontar só o turno.

 

O ratio de paciente na sanidade pública diminúe notablemente, mas continúa a rexistrarse unha insuficiencia importante. Antía, enfermeira que está a especializarse como matrona nun hospital público galego, conta que o seu ámbito afronta unha alta carga de traballo. “Acostumamos estar en mínimos de cobertura e ter dúas matronas en cada turno, o que provoca situacións nas que cada matrona debe atender, por poñer un exemplo, dúas ou tres persoas cando o indicado sería unha matrona por unha muller en traballo de parto”, relata.

 

“Son das que pensa que o sistema sanitario segue a funcionar en base a que a xente asume maior carga de traballo, esforzo que non se reflexa na nómina nin nas condicións laborais”, acusa Antía, quen tamén sinala o sistema de especialidades ou ‘perfís’ como materia pendente.

 

Formar en especialidades que logo non son operativas

 

Por poñer en contexto, a enfermería como rama sanitaria consta de seis especialidades –pediatría, familiar, comunitaria, saúde mental, matrona ou xeriatría– ás que se pode acceder mediante a superación dun exame –o EIR– e a formación durante dous anos nun hospital como enfermeira interina residente. Ata este ano, estes perfís non dispuñan de cadansua listaxe específica na sanidade pública. De feito, a especialidade só contaba como un punto a maiores na listaxe de enfermeiras xeralistas, sen ningún tipo de prioridade. “Este ano comezan a sacar prazas mais é insuficiente porque, por exemplo, só hai 4 postos de enfermaría pediátrica para toda Galiza”, apunta Antía.

 

Aínda que a Administración anunciou que para o próximo ano 2024 as especialidades estarían plenamente instauradas, a situación que se atopa unha enfermeira recén titulada ás portas de 2018 é ben distinta. “Se tratas de traballar nalgún servizo para o que non tes competencia, como neonatos, diálise… e se trata dun contrato de tres meses, resólvese pola listaxe especial dos perfís. Para estar nesa listaxe debes traballar durante tres semanas de prácticas non remuneradas, e é tal a acumulación de tarefas que moitas veces estás pola mañá de prácticas nun servizo e pola tarde xa estás currando nel”, expón Antía, quen tamén chama a atención sobre casos de compañeiros que descubriron como non contaban con seguro na realización das súas prácticas, nun hospital público.

 

Despois de superar un exame no que o ratio é dunha praza por cada doce persoas que se presentan, dous anos de ensinanza centralizada –no caso de Galiza, as aulas semanais son en Santiago de Compostela, independentemente do centro de traballo– e un salario base durante a residencia duns 880 euros, unha enfermeira especializada atopa unha situación de desigualdade fronte a outros compañeiros na área de sanidade. A día de hoxe, un residente de primeiro ano de Medicina cobra tanto como unha matrona titulada, 1.800€. “Non critico que eles cobren o que cobren, critico que nós cobremos o que cobremos”, puntualiza.

 

“Por agora a única especialidade algo establecida é a de matrona, que de todos xeitos non se cobra porque por exemplo eu, como matrona, cobro tan só 30 euros máis que unha enfermeira xeralista, polo que é absurdo seguir a formar enfermeiras especialistas se as especialidades non están a ser operativas como tal”, conclúe Antía, cuxo salario durante a súa formación ronda os 1.100 euros.

 

Emigrar ou mobilizarse

 

As escasas perspectivas laborais en enfermaría provoca que moitas mozas e mozos decidan ir traballar a outros países europeos como Reino Unido ou Alemaña nos que, aínda que a súa profesión non posúa a mesma categoría que no Estado español, si reciban mellores salarios e condicións. “A súa situación é máis precaria no tema de competencias profesionais, porque alí a figura do auxiliar non existe, mais é certo que o salario é mellor. Coidan máis da enfermeira, teñen mais días libres...”, explica Andrea, quen tamén sinala que moitas veces esta fuga é “temporal, marchan dous ou tres anos porque é o máximo que che recoñecen en Galiza para entrar no sistema público, fan os puntos e volven”.

 

“Estar está ben, cobras, danche máis estabilidade... mais botas de menos a casa ao final”, aporta Carlos, quen ve nos seus compañeiros emigrados unha constante. “Marchan porque para un novato compénsanlle as condicións dalí, mellores que as daquí, onde ademais case todos os enfermeiros son de fóra porque ese países non teñen unha enfermaría cun prestixio e unha formación como a nosa”, explica.

 

Ante esta precarización xeralizada da profesión, Antía resume as reivindicacións en dúas: “por un lado, cómpre aumentar o persoal, reducindo a carga de traballo e, por outro lado, solventar a eventualidade e a temporalidade para poder tamén prestar un mellor servizo”. Porén, esta enfermeira tamén admite que a mobilización é tremendamente difícil no seu sector. “O ambiente de traballo tamén está deteriorado pola sobrecarga asistencial: as profesionais máis experimentadas están fartas de formar a xente que só dura no servizo uns días, as auxiliares aínda parten dunha peor situación cá nós e cando se fala nos corredores de mobilización, faise desde a desesperanza”, conta.

 

Non resulta posíbel falar de greve nunha área como a sanidade pública, na que diariamente xa funcionan en servizos mínimos. “Quizais hai greve e ninguén se entera, porque seguen a estar os de sempre”, apunta Antía. A isto hai que engadirlle o desencanto xeralizado cos sindicatos, que seguen sen lograr unha mudanza real das condicións laborais ante a tendencia á privatización e conseguinte precarización da profesión que se ven a manter desde hai anos.

 

A precariedade laboral, o escaso recoñecemento científicoou a menor presenza en postos de responsabilidade son varias das eivas que enfronta a enfermaría, unha profesión feminizada que reflicte así as mesmas dificultades e invisibilidade das mulleres na sociedade actual.