Denuncian a imposición unilateral das medidas coa "escusa da excepcionalidade"

En Loita contra o Plan de Continxencia do Sergas

Imaxe de arquivo de Enfermeiras Eventuais en Loita. (Foto: Nós Diario)
O Plan de Continxencia da Covid creado polo Sergas topa de fronte coas Enfermeiras Eventuais en Loita que aseguran que suma "un problema" máis á súa situación laboral.

O colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita denuncia a desigualdade que deriva das medidas adoptadas polo Sergas no seu Plan de Continxencia da Covid-19 co fin de aumenta a dispoñibilidade de persoas aspirantes, e comunica o seu total rexeitamento.

As enfermeiras aseguran que para tomar estas decisións o Sergas “escúdase na excepcionalidade” pero “durante a negociación deste Plan de Continxencia apenas aceptou alegacións e quere impor estas propostas de xeito unilateral, sen escoitar aos representantes do persoal traballador”.

Enfermeiras en Loita explica, que o condicionante estabelecido polo Sergas e referido a que o persoal dispoñíbel en listaxes de contratación desde o 14 de marzo pasado terá unha “puntuación” adicional de 1,5, se trata “dun problema máis”.

“Se alguén estivo en situación de incapacidade temporal durante se período, non terá acceso á puntuación”, denuncian.

E tamén engaden que “se se solicitase unha suspensión por asuntos propios, independentemente dos motivos ou dos días, tampouco se terá acceso á puntuación”.

Aínda hai un terceiro factor que recalca o carácter “enganoso” desa medida, as Enfermeiras en Loita contan que “e estivo ou se está a realizar a residencia EIR (Enfermeira Interna Residente), a pesar de traballar durante a pandemia da Covid-19”, tampouco se poderá acceder a esa puntuación.

Desde o colectivo quérese destacar, que isto último implica que se “penaliza a formación”

E recalcan tamén que “todo iso a pesar de que estes dereitos están incluídos no Pacto de Selección Temporal ou no Estatuto dos Traballadores”.