Enfermeiras eventuais exixen respecto polos seus dereitos laborais para acabar coa precariedade

Enfermeiras Eventuais en Loita.
O colectivo de Enfermeiras Eventuais en Loita denuncian os “continuos abusos” do Sergas en materia laboral e súmanos ás condicións de traballo deficientes que asumen como profesionais da saúde con motivo da crise do coronavirus.

Enfermeiras eventuais acusan a Administración galega de vulnerar decontino o respecto que merecen como colectivo sanitario profesional ao servizo da cidadanía e dos seus coidados. Unha falta de consideración, din, que ademais de palparse nas diferentes unidades aistenciais nas que exercen, se aprecia tamén nas dinámicas de contratación, que seguen a vulnerar os dereitos das traballadoras no seu beneficio propio.

Abusos laborais

“Seguindo a súa práctica habitual, o Sergas continúa ofrecendo contratos de días, mesmo cando se prevé unha necesidade de longa duración, contratos que son renovados cada 15 ou 30 días”, explican nun comunicado. Unha forma de proceder que lle permite á Administración “romper a relación contractual coa traballadora ou traballador en canto vence este prazo, legalmente e no seu beneficio, perdéndose así todos os dereitos que correspondan”.

Nos últimos días, engaden, o Sergas sumou a este proceder ordinario, unha nova práctica que levou algunhas enfermeiras a quedar sen contrato no momento en que confirmaron unha Incapacidade Temporal tras dar positivo na proba de COVID-19. Decisión na que tivo que recuar após as protestas.

“Estamos fartas e non queremos máis remendos. Os nosos dereitos non son puntos de partida para súa campaña electoral encuberta".

“O feito de ser contaxiada por COVID-19 non só supón un prexuízo para a súa saúde senón tamén unha penalización, posto que esta rutura do vínculo laboral tradúcese nunha perda de contrato, da baixa laboral en toda a súa consideración e do cómputo de servizos prestados a efectos de baremación nas listaxes de contratación e de cotización”, detallan.

Cambio de actitude

Malia a recuada por parte da Administración, Enfermeira Eventuais en Loita aseguran que xa non poden “ficar caladas”. “Estamos fartas e non queremos máis remendos. Os nosos dereitos non son puntos de partida para súa campaña electoral encuberta. Queremos feitos e non palabras”.

Así, exixen responsabilidades políticas mais un cambio de actitude inmediato por parte da Administración. Consideran fundamental garantir o respecto dos seus dereitos laborais, “para poñer fin dunha vez á precariedade e mal trato laboral ao que levamos sometidas nos últimos anos por parte do goberno da Xunta da Galiza”.

Seguridade laboral 

O colectivo profesional fai un chamamento á poboación para que poñer en valor o labor de todo o persoal sanitario e exixir “un cambio das actuais políticas sanitarias”.

Neste sentido, lembran, levan semanas colaborando coa Administración para coidar da poboación. “Renunciando aos nosos mermados dereitos, intensificando o noso labor en materia de educación sanitaria, organizándonos entre compañeiras para a elaboración de protocolos de actuación en cada unidade asistencial a pesar de saber que esa función lle corresponde a departamentos superiores, asumindo unha carga psicolóxica e física que xa nos está a pasar factura, soportando a falta de Equipos de Protección Indiviual (EPI) e tamén que, malia presentar sintomatoloxía e de estar en contacto con pacientes con COVID-19, non se nos realicen as probas pertinentes e se nos obrigue a seguir traballando nas mesmas condicións”.