Enfermeiras denuncian o peche de 400 camas hospitalarias na Galiza este verán

Camas hospital sergas (Europa Press)

“Priorízase o aforrar diñeiro á conta da saúde e seguridade de cidadáns e pacientes", indica Satse.

 

O Sindicato de Enfermaría ( Satse) critica que, un ano máis, os recortes de verán nos hospitais e centros de saúde de supoñerán menos camas, concretamente unhas 400 na Galiza e 7.000 no Estado, xa que "se priorizou o aforrar diñeiro á conta da saúde e seguridade de cidadáns e pacientes", a pesar de que "a  Covid-19 segue entre nós".

O sindicato lembra que reclamou durante a crise da  Covid-19 que, dadas as especiais circunstancias deste ano, os servizos de saúde implementasen un "Plan de Choque" para mellorar a asistencia a pacientes con coronavirus e ao resto de persoas con calquera outro problema de saúde e reducir as listas de espera, e lamentablemente constatou que recorreron, como todos os anos, a pechar camas para non ter que contratar a máis persoal sanitario.

Desta forma, engade, cometen "os mesmos erros de sempre" e acredítase que a administración sanitaria pública pouco aprendeu da grave crise sanitaria sufrida polo coronavirus.

Así mesmo, critica que os distintos servizos de saúde autonómicos volven paralizar ata despois do verán as consultas externas, as probas  diagnósticas e as intervencións cirúrxicas non urxentes. Tamén subliña que os "recortes" de verán afectan os centros de saúde, xa que unha alta porcentaxe deles pechan as súas portas polas tardes.

"Os distintos responsábeis sanitarios volveron a primar os intereses económicos en lugar de mellorar a atención sanitaria, e por moito que dixeron o contrario durante os meses da pandemia, non aprenderon dos seus erros pasados e volven botar o 'peche por vacacións' de camas, quirófanos e consultas externas, ademais de centros de saúde", apunta.