Enfermeiras da Primaria exixen ao Sergas participar na reestruturación do modelo asistencial

Acceso ao centro de saúde do Portádego, en Culleredo, en pleno cribado. (Foto: Nós Diario)

As e os profesionais agrupados na Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (Agefec) consideran “inaceptábel” que vaian ser as e os médicos os que “planifiquen” o seu traballo e competencias nos centros de saúde. Consideran que deben estar de forma directa na toma de decisións.

A Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (Agefec) demanda á Xunta que permita que as e os enfermeiros da Atención Primaria participen activamente na toma de decisións vinculadas á implantación de novos modelos de xestión da demanda de atención sanitaria.

O colectivo, que considera que están en xogo as súas condicións laborais, opina que é “inaceptábel” que sexan as e os profesionais médicos os que “planifiquen o traballo e competencias” que lles corresponden neste chanzo asistencial sen contar co sector.

Por iso, Agefec vén de comunicar que enviou á Consellaría de Sanidade unha carta exixindo que se lles dea voz e voto nas xuntanzas para a reestruturación.

“A Atención Primaria está en constante cambio para adaptarse ás novas necesidades que presenta, para o que as enfermeiras propoñen un enfoque centrado nunha visión salutoxénica e que profunde na mellor calidade asistencial e nun bo aproveitamento dos recursos tanto humanos como estruturais"”, indican, situando a realidade no contexto da pandemia da Covid-19.

Por exemplo, para citas ou demandas non urxentes nos ambulatorios apuntaría por unha Xestión Enfermeira da Demanda (GED) que é "definida como a resposta que a enfermeira lle outorga a un cidadán, que presenta unha demanda relacionada coa saúde e que necesita atención preferente, non urxente".

Para contar con este sistema e que sexa funcional, Agefec pide que se acredite ás e aos profesionais acorde ao Real Decreto polo que se regula a indicación, uso e autorización da recomendación de fármacos e produtos sanitarios de uso humano por parte das enfermeiras.

"A GED debe de ser un mecanismo para que as enfermeiras desenvolvan as competencias propias en atención a problemas de saúde agudos, pero en ningún caso debe ser vista como mecanismo para descargar a saturación das axendas médicas", advirten, en todo caso.